A vella Pescanova regresa a Bolsa tras máis de catro anos suspendida

Valórase en 862.131 euros, moi por baixo dos 170 millóns que custaba en marzo de 2013

A vella Pescanova regresará este mércores, 7 de xuño, á Bolsa tras máis de catro anos sen cotizar, despois de que a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) decida levantar a suspensión cautelar, acordada o pasado 12 de marzo de 2013, tras detectarse discrepancias entre a súa contabilidade e as cifras de débeda bancaria que podían ser "significativas".

"Aínda que o prezo de cotización das accións pode estar sometido a unha elevada volatilidade ao estar suspendidas de negociación durante máis de catro anos e dadas as circunstancias nas que se atopa a sociedade, non resulta oportuno prolongar adicionalmente a suspensión", sinalou a CNMV.

A firma, que conta co 1,6% de Nova Pescanova, está valorada a prezos de mercado en preto de 900.000 euros na actualidade, unha cifra moi afastada dos 170 millóns de euros que custaba no momento da súa suspensión en Bolsa.

En concreto e en virtude das últimas transaccións, as accións da compañía teñen fixado un prezo de 0,03 euros por título, segundo a valoración presentada á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). A este prezo as 28,7 millóns de accións que compoñen na actualidade o capital social da sociedade presentan un valor global de 862.131,54 euros.

Esta valoración sitúase moi por baixo da capitalización que tiña a compañía no momento da suspensión da súa cotización, a mediados de marzo de 2013, que alcanzaba os 169,79 millóns de euros, tendo en conta que deixou de cotizar a 5,91 euros por acción.

O organismo supervisor dos mercados afirmou que a vella Pescanova foi obxecto dun proceso concursal complexo e prolongado no tempo que deu lugar a unha transformación profunda das súas características e dimensión, á vez que resaltou que non está incursa en ningún suposto de exclusión de negociación, ao cumprir as súas obrigacións en materia de remisión e publicación de información e non estar en fase de liquidación concursal.

RECOMENDACIÓNS DA CNMV. Co fin de ter unha opinión adecuada acerca da situación real da sociedade e dada a diferenza "substancial" de negocio e da situación entre a entidade que foi suspendida de cotización en 2013 e a que se procede a levantar, a CNMV recomenda que se lea detidamente toda a información incorporada nos seus rexistros, en especial todos os riscos contidos no feito relevante do pasado 1 de xuño.

Entre eles figuran risco de incumprimento do contrato de medidas de apoio por parte de Nova Pescanova; risco de dependencia dos ingresos estimados para os próximos exercicios nos contratos de apoio financeiro subscritos pola pesqueira e na súa política de dividendos e risco de incumprimento do convenio de acredores por parte de Nova Pescanova, o que levaría á liquidación da sociedade e, en consecuencia, da vella Pescanova.

A iso súmase o risco derivado de demandas e litixios actuais, que poderían obrigar á sociedade a realizar desembolsos significativos non previstos e o risco de volatilidade da cotización e venda masiva de accións na súa volta á cotización.

Neste sentido, a anterior xestión da pesqueira xa alertou de que tras estar suspendida a cotización das accións desde o 12 de marzo de 2013, pódese desencadear unha "venda masiva de accións" nos primeiros días ou semanas de cotización, o que traería consigo unha "gran volatilidade de prezos" da acción.

Comentarios