A pensión media en Galicia situouse durante o mes de agosto en 749,67 euros

O crecemento foi do 2% respecto ao mesmo período de 2014

A pensión media na comunidade galega situouse en agosto en 749,67 euros, cun crecemento do 2% en relación ao mesmo período de 2014, divulgou este martes o Ministerio de Empleo. O número de pensións en Galicia situouse en agosto en 750.722 o que representa un incremento do 0,5% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, en base aos datos do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

No total de España, o número de pensións contributivas rexistrou neste mes unha cifra de 9.308.146 pensións, o que supón un incremento do 1% respecto ao ano pasado. Máis da metade destas prestacións, 5.645.223, son por Xubilación; 2.350.932 corresponden a Viuvez; 933.072 a Incapacidade Permanente; 339.811 a Orfandade e 39.108 a favor de Familiares.

A nómina mensual de pensións contributivas da Seguridade Social alcanzou os 8.270.543 millóns de euros o pasado 1 de agosto. O crecemento interanual do gasto foi do 2,8%.

A pensión media de xubilación alcanzou os 1.023,50 euros, un 2,2% máis respecto do mesmo período do pasado ano. En canto á pensión media do sistema, que comprende as distintas clases (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares), situouse en 888,53 euros ao mes, o que supón un aumento interanual do 1,8%. A Seguridade Social fai pública cada mes esta estatística co obxectivo de ofrecer aos cidadáns información precisa sobre a evolución do número e custo das pensións do sistema.

Comentarios