As cifras do paro ''parecen non acender unha alarma na Xunta''

Socialistas e nacionalistas centrarán a sesión do control do novo período de sesións na situación do desemprego que sofre a comunidade, ante a incomparecencia de integrantes do Goberno autonómico por este asunto. Así o expresaron os respectivos portavoces na Cámara autonómica, Carlos Aymerich (BNG) e Abel Losada (PSOE), quen reprocharon que as comparecencias do Executivo sexan as do conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, "para falar da praga do nematodo do piñeiro" e do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para abordar o financiamento universitario.

PSdeG e BNG consideran prioritarias outras cuestións para comparecer, como é a situación de desemprego (para o que os socialistas solicitaron sen éxito a comparecencia da conselleira do ramo) e das caixas de aforro (pediron con igual resultado a do presidente autonómico). Neste contexto, ambas as organizacións políticas optaron por introducir en preguntas sendas cuestións, para que non sexan alleas ao vindeiro pleno.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, criticou que sendo Galicia "unha fábrica de parados" o presidente autonómico non explique se fixo algo para evitalo. "Leva dous anos e non fixo nada", aseverou, para indicar que desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta de Galicia foron destruídos en Galicia "75.000 empregos" e que en 2010 "Galicia foi a comunidade autónoma que máis empregos destruíu. A pesar das cifras, dixo que "isto parece non acender unha alarma na Xunta", reprochando que o titular do Executivo galego "siga de viaxe como estratexia para non estar en Galicia e non dar a cara".

Tamén foi crítico o portavoz do grupo parlamentario socialista, Abel Losada, non só polo rexeitamento dos populares á súa solicitude de comparecencias, senón tamén polo "escapismo" que ao seu entender practica o Goberno galego neste asunto. "Non está a facer nada", dixo en alusión á conselleira de Traballo, Beatriz Mato; mentres que a Feijóo reprochoulle que non compareza para abordar o tema das caixas.

Respecto diso, o portavoz do grupo popular, Manuel Ruiz Rivas, sinalou que é "unha irresponsabilidade" solicitar que compareza Feijóo para falar da caixa galega cando o Goberno central "non é capaz de concretar" o réxime ao que se terán que someter estas entidades. Así, criticou a "indefinición" do Executivo estatal.

Iniciativas
O pleno que se celebrará a próxima semana incluirá na orde do día proposicións non de lei sobre a Cidade da Cultura, a situación da Fundación Galicia-Saúde, a solicitude dunha liña de axudas para os afectados polo temporal de comezos de xaneiro, a conversión do Hospital Xeral Calde nunha residencia de maiores e outra sobre a posibilidade de enlazar a Cidade da Cultura coa AP-9.

Ademais, será interpelado o conselleiro de Economía e Industria para falar sobre aforro enerxético e sobre a construción naval en Galicia; e a conselleira de Traballo e Benestar sobre o mercado laboral. Os grupos parlamentarios incorporan ademais preguntas sobre unha campaña de publicidade dun millón de euros da Consellería de Sanidade, sobre a lei de convivencia escolar, a reconstrución da lonxa de Burela ou a autoestrada do mar.

Comentarios