A moda de lavar fóra de casa crece en Galicia

Galicia supera o centenar de lavanderías de autoservicio despois de que en 2010 un traballador de PSA abrise a primeira en Vigo
 Alicia Bugallo y Alberto Collazo ante un local de las lavanderías Oso Blanco
photo_camera Alicia Bugallo y Alberto Collazo ante un local de las lavanderías Oso Blanco

As lavanderías de autoservicio, que tanto xogo deron a guionistas de series e películas en Estados Unidos, pasaron nos últimos anos das pantallas de cine e televisión a poboar as urbes galegas ata o punto de que algúns xa ven saturado o mercado en zonas como A Coruña, Vigo e incluso Lugo. A primeira lavandería de autoservicio de Galicia abriu as súas portas en 2010 na cidade olívica. Foi un cidadán francés o que detectou a oportunidade movido por unha necesidade propia e decidiu dar o paso logo de traballar durante anos para PSA en Rennes e Balaídos. Actualmente, hai máis dun centenar de establecementos, nos que por un prezo reducido desde mozos ata maiores de 70 anos acoden a facer a coada ou a lavar mantas e outros aveños téxtiles que non caben nunha lavadora ao uso.

Lava&Seca Express ultima a súa sexta apertura en Lugo

Con cinco establecementos operativos en Lugo, Manuel López Castro puxo en marcha Lava&Seca Express en maio de 2014, coa apertura dos locais que ten na Piringalla, Fonte dos Ranchos e Acea de Olga. Procedente do sector da madeira, o empresario explica que deseñou e patentou o nome e modelo de lavandería e que, desde entón, abriu outras dúas en Fontiñas e no centro comercial Abella e ultima a súa sexta inauguración no centro de Lugo, na Rúa do Conde.

Neste momento, López ve difícil expandir o negocio en Galicia. "A Coruña e Vigo teñen exceso de lavanderías de autoservicio e hai que engadir Lugo, que conta con oito establecementos en marcha e outro en camiño para unha cidade con 90.000 habitantes", constata este emprendedor, que apunta que en urbes como Madrid, Barcelona ou Bilbao a saturación é tal que "están a pechar moitas empresas".

Ante un negocio que está en boga, avisa aos emprendedores de que "non funciona só", isto é, sen empregados, unha idea errónea que, ao seu entender, "venden as franquías". Desde a súa experiencia indica que, como mínimo, resulta necesario contar sempre cunha persoa dispoñible para resolver as incidencias para "dar un bo servizo". Consciente de que este non se limita á coada, Lava&Seca equipou os seus locais con televisión, wifi e prensa para facer máis levadía a espera e incluso con consigna, no centro comercial, para que o usuario poida aproveitar para facer os seus recados.

Con nove locais, Oso Blanco segue a súa expansión por Galicia

"Tratamos de facer que a espera dos nosos clientes sexa o máis agradable posible", recalcan Alberto Collazo e Alicia Bugallo, os creadores de Oso Blanco Lavandería Autoservicio. A súa aventura tamén arrincou en maio de 2014, coa apertura do seu primeiro establecemento en Pontevedra, na rúa Javier Puig Lamas. Hoxe esta cadea xa conta con nove locais repartidos entre a cidade do Lérez, Vigo, Ourense, Arcade, Vilagarcía, Bertamiráns e Sarria, aos que en breve se sumarán outros cinco en diferentes zonas de Galicia.

"O noso obxectivo é ser a franquía de lavanderías de referencia en Galicia", explica o propietario, que sinala que o seu é un modelo "lixeiro, que non carga ao franquiciado con cotas nin canons". Para evitar que quen atenda o negocio teña que estar permanentemente no local e incluso para permitir compatibilizar a xestión con outro traballo, Oso Blanco dota os seus establecementos dunha instalación de xestión domótica completa "que permite abrir, pechar, visualizar a lavandería e xestionar as máquinas a distancia a través do móbil, ordenador ou tablet", remarca Collazo.

O investimento que afronta un franquiciado de Oso Blanco ascende a 60.000 euros, coa posibilidade de ir incorporando máis lavadoras e secadoras, se a demanda o require. De media, tárdanse entre tres e catro anos en amortizar o desembolso inicial. Cuns prezos que van dos 4 aos 6 euros (incluídos "deterxente, suavizante e osíxeno activo"), dependendo da capacidade da lavadora elixida, e os tres do secado, Collazo aprecia "un aumento considerable na facturación ano tras ano".

The Laundry rescata a función social dos antigos lavadoiros

Baseándose na súa experiencia como usuaria en cidades como Reino Unido, Elia Álvarez concibiu The Laundry en febreiro de 2015 como "unha homenaxe ás lavandeiras", que convertían os lavadoiros das aldeas galegas en auténticos centros sociais. "O que realmente me gustaba das lavanderías de autoservizo no Reino Unido era a súa función social, pois desconectabas e conversabas coa xente coa que compartías coada. Pola contra, o que menos me atraía era que se trataba de lugares demasiado escuros, nos que primaban as máquinas".

Partindo desta concepción, Álvarez decidiuse a crear o primeiro local de Ourense, deixando atrás 17 anos de carreira nunha empresa. Cun investimento próximo aos 120.000 euros creou un espazo amplo e diáfano, cunha zona para nenos e outra de lectura, equipada con libros en varios idiomas. Esta emprendedora, que aspira a expandir o negocio, apunta que, á marxe do uso libre das máquinas en horario de 8.00 a 23.00, os 365 días do ano, durante a semana unha traballadora encárgase de asesorar aos usuarios, aos que se brinda a posibilidade de que deixen nas súas mans facer a coada.

Cunha gran aposta polas redes sociais, a empresaria incide en que The Laundry conseguiu atraer a estudantes, familias e persoas maiores "que valoran contar con asesoramento e axuda para algunhas tarefas".

Comentarios