A crise impulsa as baixas laborais

Un de cada catro accidentes laborais con baixa rexistrados en Galicia no 2010 estiveron motivados polo sobreesforzo. Esta é a causa principal da maior parte dos sinistros leves que se producen no lugar de traballo ante o crecente temor dos empregados a perder o seu posto nun contexto de desastre económico e ante a escalada do desemprego. Anunciouno este mércores a directora xeral do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja durante a presentación dos datos de sinistralidade laboral do 2010.

A responsable do organismo recoñeceu que a crise xerou un impacto "negativo" no balance de accidentes xa que, o incremento da presión entre os traballadores para asegurar o seu emprego, "pode xerar unha crecente inseguridade". Por iso, un dos obxectivos do plan de actividades do Issga para este ano será analizar os aspectos que están detrás dos sobreesforzos e impulsar medidas de prevención.

Con todo, o número de sinistros laborais contabilizados na comunidade reduciuse no 2010 por cuarto ano consecutivo, ao rexistrarse 36.430 accidentes, o que supón unha caída do 7,7% en comparación co 2009 e unha media dun centenar de vítimas cada día. Con 522.827 afiliados á Seguridade Social, esta secuela afectou o ano pasado a case tres de cada dez ocupados.

Por actividades, a sinistralidade só repuntou na pesca un 4,8%, mentres descenderon as incidencias no campo, o sector terciario, a industria e, principalmente na construción --12,5 puntos--, aínda que a directora xeral eludiu vinculalo cos efectos da crise sobre o sector. Mentres, a área dos servizos segue sendo a máis castigada polos accidentes, ben sexan graves, leves ou mortais.

Segundo especificou a responsable do Issga, a inmensa maioría --un 98%-- saldáronse con feridos leves, a pesar de que o seu número, 35.768, descendeu oito puntos en doce meses. Os sobreesforzos, as caídas ou os golpes contra obxectos en movemento foron os principais motivos deste tipo de accidentes, que só repuntaron na pesca.

A pesar de supor tan só o 1,6% do total, os sinistros graves eleváronse case nove puntos o exercicio pasado. Á marxe do sector servizos --con 168 incidentes--, os máis castigados foron, polas propias características da actividade, a construción (146) e a industria (138).

Por contra, os accidentes con vítimas mortais baixaron un 12%, ao perder a vida 65 traballadores en xornada laboral no 2010, nove menos que un ano antes. Por sectores, o número de falecidos descendeu na construción --de 24 a 14 mortes--; na industria --de 14 a 11 mortes--, e na agricultura --con só unha vítima mortal menos--; mantívose sen cambios na pesca --8 falecidos-- e repuntó no ámbito terciario --de 22 a 27 mortes--.

Unha análise por sexos mostra que os homes continúan sendo as principais vítimas dos accidentes mortais en xornada de traballo --foron 63 o ano pasado, fronte a dúas mulleres--. En canto á antigüidade do empregado, a incidencia foi maior naqueles que levaban máis de tres anos na empresa (33), curiosamente seguidos dos que se sumaron ao persoal nos últimos tres meses (12 falecidos).

Accidentes in itinere
Os sinistros in itínere --aqueles que se producen durante o desprazamento do traballador desde a súa casa á empresa e viceversa-- caeron un 4,57% no 2010, ata situarse nos 3.906, dos cales, un total de 19 saldáronse cunha vítima mortal, cinco máis que un ano antes. A maioría, 3.993, foron leves.

Ante este escenario, o instituto galego prevé impulsar accións de investigación para profundar nas causas e a incidencia dos accidentes de tráfico que se producen tanto en xornada laboral como in itínere.

Por provincias, a sinistralidade laboral descendeu nas catro galegas. A Coruña encabezou o ranking de baixadas, con 15.790 accidentes, un 8,8% menos. Esa tendencia constatouse en todos os sectores excepto na pesca. En Pontevedra, o esborralle rozou o 8,2%, tras contabilizarse 13.531 incidentes e un aumento tamén na pesca. Con 3.568, Lugo foi a terceira provincia con maior número de sinistros, aínda que a cifra reduciuse máis 7,4 puntos en doce meses. Para rematar, Ourense sumou 3.541 accidentes e situouse como a provincia onde menos caeron, un 1,8%, segundo os datos do Issga.

A Coruña tamén foi o territorio con maior cantidade de accidentes de traballo mortais, un total de 24; seguida de Pontevedra, con 21. Mentres, Lugo e Ourense rexistraron cada un dez sinistros con falecidos.

Cálculo de sinistralidade
Un dos eixos en torno ao que vira o plan de actividades do Issga para 2011 supón ampliar o asesoramento técnico ás pequenas e medianas empresas e aos autónomos. Como novidade, o organismo desenvolverá unha aplicación que permitirá ás empresas calcular os custos derivados da sinistralidade laboral con baixa e comparalos co desembolso necesario para evitala. O obxectivo é sensibilizar ao tecido empresarial de que "investir en prevención é rendible", segundo apostilou Quizá-Torroja.

Dado que o 25% dos accidentes laborais prodúcense por sobreesfuerzos, as novas medidas tamén se centrarán en analizar os riscos ergonómicos e psicosociais coa pretensión de investir esa tendencia. Así, o Issga elaborará un estudo sobre as condicións ergonómicas dos traballadores da pesca de baixura e un mapa de riscos ergonómicos de Galicia.

Otas accións novas serán o desenvolvemento dun programa de protección para as mulleres embarazadas para comprobar que os centros de traballo cumpren coas medidas previstas na normativa e a creación da Escola Galega de Prevención de Riscos Laborais en Pontevedra. Os contidos irán dirixidos aos alumnos de educación primaria e aos estudantes de ciclos formativos, bacharelato e FP.

Ademais, a entidade reforzará as investigacións sobre enfermidades profesionais, o que permitirá pór en marcha campañas sobre a prevención de riscos por sílice ou amianto. O Issga tamén abordará a sinistralidade laboral entre a poboación inmigrante, xa que está entre os colectivos máis afectados por accidentes os determinados sectores de actividade.

Comentarios