A banca pedirá 30.000 millóns ao BCE para conceder créditos a pemes

O ministro de Economía, Luis de Guindos, afirma que a banca española solicitará ao redor de 30.000 millóns de euros ao Banco Central Europeo (BCE) para prestar en condicións "moi competitivas" ás empresas, en especial ás pemes, e aos particulares.

Nunha entrevista que publica hoxe La Vanguardia, De Guindos admite que "hai preocupación porque a recuperación é fráxil, non colle forza", aínda que subliña que non comparte as previsións dalgúns analistas que falan dunha terceira recaída na zona euro. "Eu non son tan pesimista" di.

O titular de Economía non cre que Europa vaia ter crecemento negativo en ningún dos próximos trimestres pero si considera "imprescindible" pór "énfase" nas reformas.

De Guindos prevé que, pese ao parón de Europa, a economía española terminará o terceiro trimestre cun crecemento sobre o 0,5%.

Preguntado polo tema soberanista de Cataluña, o ministro sinala que nin investidores nin analistas consideran probable a secesión de Cataluña porque non é un escenario "nin racional, nin realista, nin posible".

Ademais, di, Cataluña é unha das comunidades que máis aproveitou as reformas do Goberno.

Comentarios