A balanza de pagos rexistra un superávit de máis de 1.357 millóns o primeiro semestre

A balanza por conta corrente dos seis primeiros meses do ano acumulou un superávit de 1.357,7 millóns de euros, despois de que reducise o seu déficit un 92,44 % ata maio, segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España.

Desta forma a balanza de pagos, que mide as transaccións de bens, servizos, rendas e transferencias de España co exterior, cambia de signo logo de presentar superávits puntuais nos meses de marzo e maio e en contraste co déficit acumulado de 16.978 millóns que rexistrou no primeiro semestre de 2012.

O superávit ata xuño deste ano explícase pola "notable corrección do déficit comercial", dun 82,68 % grazas ao tirón das exportacións, así como pola mellora dos saldos de rendas e de servizos.

Así, o superávit da balanza de servizos entre xaneiro e xuño incrementouse o 12,37 %, ata os 17.063,9 millóns de euros, como consecuencia do aumento de ingresos procedentes do turismo e as viaxes, mentres que o déficit comercial baixou o 82,68 % ata os 2.711 millóns, como consecuencia do aumento das exportacións nun 9,4 % en taxa interanual e da redución das importacións nun 1,7 %.

O saldo positivo da balanza por conta corrente tamén é achacable á caída do déficit de rendas, que diminuíu o 36,83 % ata os 6.940 millóns de euros nos seis primeiros meses do ano.

No entanto, o Banco de España detalla que o déficit da balanza de transferencias correntes -nas que se engloban as rendas que envían os inmigrantes aos seus países de orixe- incrementouse o 9,52 % e sumou 6.055 millóns de euros.

O cambio de tendencia na balanza de pagos está en liña coas previsións do Goberno que estima que peche o ano cun superávit do 2 %.

Por outra banda, a conta de capital, que recolle as transferencias de capital procedentes da Unión Europea, xerou un superávit nos seis primeiros meses do ano de 3.892 millóns de euros, fronte aos 2.393,4 millóns dun ano antes.

Con todo iso conclúese que o primeiro semestre do ano, a economía española tivo por primeira vez desde 1997 capacidade de financiamento por valor de 5.249,8 millóns de euros, en claro contraste coa necesidade de financiamento acumulado que tivo no mesmo período de 2012.

Por outra banda, no mes de xuño a balanza por conta corrente tamén rexistrou un superávit de 2.567,4 millóns, fronte ao déficit de 980,5 millóns que tivo o mesmo mes do ano pasado.

Comentarios