A automoción galega ve "unha oportunidade tremenda" na compra de Opel

Ceaga cre que as empresas asentadas na comunidade están "nunha posición de liderado neste sentido"

O presidente da Fundación Clúster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga), Luciano Martínez Covelo, expresou este martes que o sector ve "unha oportunidade tremenda" na compra ao grupo automobilístico estadounidense General Motors (GM) da súa filial Opel/Vauxhall por parte de PSA Peugeot Citroën.

Covelo abundou, a preguntas dos xornalistas durante unha rolda de prensa, en que as empresas da automoción asentadas en Galicia están "nunha posición de liderado neste sentido", algo ao que contribuíu a reunión que Ceaga mantivo meses atrás con directivos da planta de Opel situada en Figueruelas (Zaragoza).

"Iso –o encontro– achéganos vantaxes e esperamos un resultado tremendamente positivo", expresou o presidente da Fundación.
Pola súa banda, o vicepresidente de Ceaga e director do centro de Vigo de PSA, Frédéric Puech, cuestionado sobre a competencia que se abrirá entre a factoría que dirixe e a fábrica zaragozana, resolveu que a mesma é "natural" e seguirao sendo.

Insistiu en que o acordo de compra é "unha oportunidade" para PSA, que espera que se converta tamén en "unha oportunidade para o sector" galego no seu conxunto, e falou do Polo Industrial Ibérico da compañía, para o que tamén actúa como director. En concreto, explicou o papel que xogarán as factorías que o integran tras a "fusión" con Opel e a posta en marcha dos novos proxectos.

Neste sentido, recordou que a fábrica de Mangualde (Portugal) de PSA que, dixo, funciona "en estreita colaboración e dependencia coa de Vigo", formará parte do proxecto K9 e conta cun "potencial" para construír 100.000 vehículos anuais. Asegurou que a factoría lusa "aumentará a súa capacidade de produción" nos próximos exercicios pero sempre "logo da de Vigo", que actúa como "unha fábrica nai".

En relación á creación de emprego, Frédéric Puech concretou que coa incorporación do proxecto K9, en xullo de 2018, producirase "un basculamento" de efectivos entre as dúas liñas de montaxe da fábrica olívica.

Mostrou as súas esperanzas en que "o comportamento do mercado" permita que ambas traballen "a tres quendas" e concluíu que "o éxito comercial" do proxecto "será o que determine se se aumenta o persoal".

Comentarios