A automoción galega facturou 8.320 millóns e creou 750 empregos en 2016

O traballo que o sector mantén supón, segundo a Fundación Clúster, o 12% de total industrial en Galicia
Vista de la cadena de montaje de la PSA Vigo
photo_camera Vista de la cadena de montaje de la PSA Vigo

O sector da automoción de Galicia facturou durante o ano 2016 un total de 8.320 millóns de euros, cun crecemento do 1,6 % neste ámbito, e creou 750 novos empregos directos, ata alcanzar os 19.850, segundo os datos feitos públicos este martes pola Fundación Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).

O presidente da Fundación, José Luciano Martínez Covelo, e o vicepresidente Frédéric Puech, tamén director do centro de Vigo de PSA, foron os encargados de presentar ante a prensa estas cifras que, en palabras do primeiro, revelan que o 2016 foi, "en xeral, un bo ano", a pesar de que a industria o expuña como un exercicio "de transición".

Os 19.850 empregos directos que o sector mantén a día de hoxe, explicou Martínez Covelo, supoñen o 12% do emprego industrial de Galicia e, no que respecta á cifra total, para o cálculo da que tamén se teñen en conta os postos de traballo creados indirectamente, esta elévase ata os 45.100. No relativo ás exportacións, o sector da automoción galego enviou a outros países o 69% do total da súa facturación, o que representa 5.740 millóns de euros.

As empresas de compoñentes, pola súa banda, aumentaron as súas vendas no exterior un 5,7% ata alcanzar unha facturación de 1.160 millóns neste ámbito, o que ratifica o "forte carácter exportador" destas compañías. De feito, engadiu o presidente, 98 das 113 empresas que integran Ceaga xa envían os seus produtos ao exterior.

Martínez Covelo tamén falou da adaptación das infraestruturas á denominada Industria 4.0 e, neste sentido, revelou que o sector investiu, sempre durante o ano 2016, 237 millóns para lograr este obxectivo, á marxe dos 100 millóns de euros destinados a innovación.

Pola súa banda, Frédéric Puech destacou o "aumento do emprego" no sector, que "crece por segundo ano consecutivo", así como "o aumento dos esforzos investidores, que se duplicaron nos últimos dous anos".

Valorou positivamente o feito de que "moitas das empresas" de Ceaga se preparen neste 2017 para o inicio da fabricación dos novos modelos adxudicados á planta viguesa de PSA e citou como "retos" o mellorar "a excelencia operacional e a eficiencia" de cara á posta en marcha destes proxectos, K9 e V20.

Comentarios