A Consellería de Industria propón a construción dun gasoduto para abastecer Portugal con gas de Reganosa

O Conselleiro de Industria, Javier Guerra, trasladou este mércores ao Goberno central a proposta de construír un gasoduto para abastecer Portugal con gas natural procedente da planta de regasificación da empresa Reganosa.

Guerra indicou que a proposta foi exposta nunha recente reunión co novo secretario de Estado de Enerxía, Fabricio Hernández, na que analizaron ademais outros aspectos como a construción doutros dous gasodutos, un cara á meseta, para fornecer de gas outras zonas de España, e outro cara á costa de Lugo.

Segundo Guerra a Xunta "instou o Goberno a que permita a duplicación da capacidade" da planta de regasificación da planta de Reganosa, na ría de Ferrol, e sinalou que a petición cursada pola Xunta xa foi tramitada como prioritaria polo Goberno central e figura como "aprobada sen ningún tipo de condicionante".

O conselleiro de Industria indicou que "Portugal só dispón dunha planta de gas licuado en Sines", e afirmou que coa construción dunha canalización dese tipo, a planta de Reganosa podería "cubrir a demanda".

Gasodutos estatais

Javier Guerra expuxo tamén outros destinos dentro do estado para o gas procedente da planta de Mugardos. Un deles tería como destino a zona da Mariña de Lugo e apuntou que a concesión foi "adxudicada a Gas Natural, pero leva seis anos de atraso", e subliñou que "é de vital importancia" para Galicia e "especialmente relevante para esa comarca".

O representante da Xunta dixo que tamén instou o Goberno central a construír novas liñas, ampliar outras existentes e a renovar subestacións transformadoras de electricidade para poder "evacuar os excedentes de produción de enerxía" de Galicia cara a outros puntos da península ibérica.

A Xunta tamén expuxo ao novo secretario de Estado a necesidade de dar prioridade ás "principais redes de transporte eléctrico de Galicia", entre as que citou un novo enlace con Asturias, o aumento de capacidade da conexión con Tordesillas e unha conexión con Portugal.

Comentarios