Inditex recupera a figura do conselleiro delegado e propón a Carlos Crespo

Definirá xunto a Pablo Illa a estratexia global da compañía

Pablo Isla. INDITEX
photo_camera Carlos Crespo. INDITEX

O presidente executivo de Inditex, Pablo Isla, propuxo o nomeamento do actual director xeral de Operacións, Carlos Crespo, como conselleiro delegado do grupo téxtil, co que recupera esta figura, informou este xoves a compañía nun comunicado.

Segundo informou este xoves a compañía nun comunicado, Isla propuxo á Comisión de Nomeamentos a designación de Crespo como conselleiro delegado e o seu nomeamento será efectivo cando o aprobe o consello de administración, despois de que sexa designado conselleiro executivo -condición que aínda non ten- pola xunta xeral de accionistas.

Esta celebrarase en xullo e nela reelixirase a Isla como presidente executivo, co que serán dous os membros do consello que teña funcións executivas -Crespo e Isla-.

Inditex, que integra, entre outras marcas, a Zara, Massimo Dutti e Uterqüe, informou da proposta de Crespo como conselleiro delegado nun comunicado no que di que a súa traxectoria dentro do grupo e a súa responsabilidade á fronte da Dirección Xeral de Operacións "anticipaban de forma natural este nomeamento".

Carlos Crespo, desde o seu posto como conselleiro delegado, reportará ao presidente executivo e definirá con el a estratexia global da compañía. Será responsable das áreas de Tecnoloxía (Sistemas, Datos e Dixital), Seguridade da Información, Loxística e Transporte, Obras, Asesoría Xurídica, Compras e Contratacións, e Sustentabilidade, indicou Inditex.

O nomeamento de Crespo volve reintroducir a figura do conselleiro delegado en Inditex, que xa existiu nunha etapa anterior na que Amancio Ortega, fundador do grupo, era presidente e Pablo Isla vicepresidente e conselleiro delegado. Pablo Isla destacou o "gran labor" que Crespo veu realizando en distintas áreas da compañía, en particular como director xeral de Operacións, e afirmou que "a súa achega será moi valiosa no momento estratéxico actual de transformación dixital e de compromiso coa sustentabilidade da compañía".

Pola súa banda, Crespo agradeceu a confianza depositada nel para axudar a esta integración tecnolóxica e dixo que está moi ilusionado "de poder participar neste momento da compañía". Crespo manifestou que "tanto a transformación dixital como a sustentabilidade en todas as súas vertentes supoñen retos apaixonantes para cuxo desenvolvemento son imprescindibles innovación, espírito emprendedor e traballo en equipo, aspectos intrínsecos á cultura da nosa empresa".

Crespo, de 48 anos, comezou a súa carreira en Auditoría de Contas e incorporouse a Inditex en 2001 como responsable de políticas contables dentro do Departamento de Administración Financeira. Tras dirixir posteriormente a Xestión Administrativa de Existencias nos centros loxísticos do grupo, asumiu en 2005 a responsabilidade de dirixir a Auditoría Interna, ata que en 2018 foi nomeado director xeneral de Operacións do Grupo, posición que ocupará ata o seu nomeamento como conselleiro delegado en xullo.

Ademais, a Comisión de Nomeamentos de Inditex elevou ao consello de administración a proposta de someter á próxima xunta de accionistas o acordo de aumentar en dous o número de membros do consello de administración ata os once conselleiros. Tamén acordou iniciar o proceso de selección dun novo conselleiro independente. Logo da aprobación destes nomeamentos, o consello de administración de Inditex terá dous conselleiros executivos -Isla e Crespo-, tres conselleiros dominicais e seis conselleiros independentes.

Comentarios