A idade legal de xubilación atrásase outros dous meses en 2020

A reforma de 2011 segue o seu desenvolvemento e desde o mércores esixirase ter 65 anos e dez meses para retirarse cunha carreira de cotización de menos de 37 anos
Menores y ancianos en Galicia
photo_camera Un home maior. AEP

Coa reforma do sistema público de pensións en punto morto, debido ao clima de inestabilidade política no que España leva sumido desde finais de 2015, os cambios que entraron en vigor en 2013 proseguen coa súa aplicación gradual. Así, a partir do mércores, 1 de xaneiro, a idade legal de xubilación incrementarase en dous meses en relación a 2019, de modo que para cobrar o 100% da prestación con menos de 37 anos cotizados será necesario ter cumpridos 65 anos e dez meses. Só aqueles cuxa carreira de afiliación á Seguridade Social supere os 37 anos poderán solicitar o retiro con 65.

O sistema dá así un paso máis no desenvolvemento da reforma que se completará en 2027, cando a idade legal de retiro alcance os 67 anos para os traballadores cunha traxectoria laboral que non chegue a superar os 38 anos e seis meses. Dun modo ou outro, os requisitos endurécense cada ano para percibir o 100% da base reguladora.

Evolución da idade legal de xubilación.EPOutra das consecuencias da revisión do sistema que Zapatero impulsou en 2011 é o aumento do período de cotización sobre o que se calculan as prestacións dos novos pensionistas. A partir de xaneiro serán 23 anos, un máis que en 2019, unha progresión que culminará en 2022, cando se chegará a 25. Antes da reforma tíñase en conta a base de cotización dos últimos 15 anos traballados.

A ampliación do período de cálculo é outra das medidas pensadas para conter as pagas dos novos pensionistas pois, por norma xeral, a base de cotización dos últimos anos da vida laboral adoita ser máis elevada, o que se traduce en mellores prestacións públicas. No entanto, a medida tamén favorece os traballadores de máis idade que nos últimos anos foron branco dos expedientes de regulación de moitas empresas.

Ao atrasarse a idade legal de retiro tamén se modifican os requisitos para acceder á xubilación anticipada

Ao atrasarse a idade legal de retiro tamén se modifican os requisitos para acceder á xubilación anticipada. En 2020, a idade mínima legal serán 63 anos e dez meses —para o retiro anticipado voluntario— sempre que se acredite unha carreira mínima de afiliación de 35 anos. En 2027 esta opción restrinxirase a quen conte con 65 anos, isto é, dous menos que a idade legal para deixar a actividade. En caso de xubilación anticipada forzosa, pasarase gradualmente de 61 a 63 anos, sendo necesario acreditar un período mínimo de cotización efectiva de 33 anos e levar inscrito polo menos seis meses como demandante de emprego.

Aínda que o compromiso do Executivo de Sánchez é incrementar as prestacións contributivas un 0,9% en 2020, a revalorización queda en suspenso ata que se forme Goberno

O que seguirá no aire este ano é a aplicación do factor de sustentabilidade, que a partir de 2019 debía ligar o cálculo das novas pensións coa esperanza de vida co fin de contribuír a mitigar os números vermellos da Seguridade Social, que arrastra un déficit que rolda os 18.000 millóns de euros. O Goberno de Rajoy pactou co PNV aprazar a 2023 esta medida, se non é que se modifica ou derroga polo camiño.

Este mecanismo introduciuse na reforma aprobada en 2013, a que tamén introduciu o índice de revalorización que carrexou subidas mínimas das pagas do 0,25% entre 2014 e 2017. O fracaso das negociacións no seo da comisión do Pacto de Toledo, que este ano debía emitir as súas recomendacións para blindar a sustentabilidade do sistema público, deixou en suspenso a proposta de volver ligar por lei a evolución das prestacións ao índice de prezos de consumo (IPC), un principio que concitou o consenso dos grupos e que, na práctica, leva dous anos aplicándose.

Aínda que o compromiso do Executivo en funcións de Pedro Sánchez é incrementar as pagas nun 0,9% en 2020, a revalorización queda en suspenso ata que se forme Goberno, unha decisión referendada o pasado venres polo Consello de Ministros que xerou críticas entre os 8,8 millóns de pensionistas.

Comentarios