As horas extra non retribuídas dispáranse a pesar da implantación do rexistro horario

Coincidindo coa implantación do control da xornada, os asalariados fixeron entre abril e xuño 2,9 millóns de horas á semana, un 10,5% máis que no primeiro trimestre
Edificio en obras. DP
photo_camera Edificio en obras. DP

Coincidindo coa implantación da obrigatoriedade de que todas as empresas conten cun sistema de rexistro da xornada laboral, os asalariados españois realizaron no segundo trimestre 2,9 millóns de horas extraordinarias á semana polas que non cobraron nada. O dato resulta cando menos chocante se se ten en conta que despuntaron un 10,5% respecto das efectuadas entre xaneiro e marzo, ao que hai que sumar o feito de que para atopar un incremento máis intenso hai que remontarse dez anos atrás. Con estes vimbios, os datos da enquisa de poboación activa (Epa) reflicten que só o 51,6% das horas dedicadas a prolongar a xornada habitual reverten nunha compensación para o traballador.

Aínda que polas numerosas dúbidas que está a xerar a implantación do control en sectores como a pesca, o agro ou entre profesionais como os comerciais, a Inspección de Traballo está a ser flexible no que toca ás multas, chama a atención que as horas extra retribuídas apenas crecesen un 2,1% no segundo trimestre fronte ao avance do 10,5% das non pagadas.

Ademais de aforrarse o custo salarial, as empresas eluden o pago das cotizacións á Seguridade Social. Un simple cálculo revela que eses 2,9 millóns de horas non retribuídas equivalen á carga de traballo de 72.815 asalariados cun contrato de 40 horas á semana. Dando un paso máis, prescindindo dos seis millóns de horas realizadas —computando tamén as pagadas— poderíanse crear 150.517 empregos a tempo completo. 

Neste campo tamén se aprecia a fenda de xénero. Aínda que é certo que os homes realizaron o 67% do total de horas extra semanais computadas entre abril e xuño, a Epa revela que, en proporción, elas son as máis expostas ás non remuneradas. No seu caso son o 49,6% do total, dous puntos máis que entre os homes. 

En canto aos sectores nos que as horas non retribuídas teñen un maior peso, destacan as inmobiliarias, onde o 92,6% das horas que exceden a xornada habitual non se pagan; a banca e as aseguradoras (90,3%) ou a educación (84%). En cambio, as ratios máis baixas danse na industria extractiva (3,8%); a subministración de auga ou as actividades de saneamento e xestión de residuos (7,1%), e a sanidade e servizos sociais (14,2%).

As horas pagadas creceron un 3% en Galicia en 2018
Un estudo publicado este martes pola empresa de recursos humanos Randstad reflicte que o ano pasado os galegos efectuaron 7,1 millóns de horas extraordinarias remuneradas, un 2,9% máis que en 2017. No conxunto de España superáronse os 166,1 millóns de horas, o que supuxo un incremento interanual do 13%. 

7,2
É a media de horas remuneradas realizadas á marxe da xornada habitual polos asalariados galegos en 2018. A media estatal foi de 8,1, aínda que en Cataluña e Valencia superáronse as dez.  

A industria, na cabeza
Segundo Randstad, en Galicia, os traballadores da industria foron os que máis alongaron a súa xornada, con 15 horas de media por cabeza ao ano, fronte ás 6,6 da construción e ás 5,4 nos servizos. 

Comentarios