Grupo Riesgo investirá 250 millóns nas antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés

O seu obxectivo é converter Alu Ibérica nun referente do sector en Europa

Factoria de Alcoa en A Coruña. CABALAR
photo_camera Factoria de Alcoa en A Coruña. CABALAR

O Grupo Riesgo, tras alcanzar un acordo para comprar as antigas fábricas de aluminio da Coruña e Avilés de Alcoa ao fondo de investimentos Parter Capital, sinalou o seu compromiso cos postos de traballo nas plantas e cos plans de investimento para converter a Alu Ibérica nun referente do sector en Europa.

Nun comunicado, a sociedade garante que non se modificará "ningún dos acordos existentes" e subliña que se investirán "inmediatamente" 20 millóns de euros comprometidos para as necesarias melloras nas instalacións.

Así mesmo, indica que está previsto un plan de investimento a cinco anos con 250 millóns de euros para converter "as instalacións en referente clave no Sur de Europa".

A compañía, que estivo desde o inicio do 'tender' con Alcoa mantendo o seu interese, estableceu o pasado mes de setembro negociacións con Parter, que culminaron esta semana e supoñen a súa integración como socio maioritario e operativo.

Así mesmo, o Grupo Riesgo subliña a súa intención de contar con equipo profesional, local, "de longa e probada experiencia industrial e profundo coñecemento da actividade e os seus mercados" para liderar as plantas.

Ademais, recorda que Alu Ibérica segue tendo "un problema co alto custo eléctrico" e sinala que o proxecto inclúe o compromiso de manter as liñas de fabricación "na confianza de que se cumpran os compromisos gobernamentais de contar con custos eléctricos estables, competitivos e predicibles".

Riesgo é un grupo español, con orixe en Los Ángeles (Estados Unidos), que conta con 10 compañías, 75 profesionais e máis de 10.000 clientes, cunha facturación global duns 200 millóns de euros anuais.

Comentarios