As granxas de leite xa poden calcular custos coa app galega

A Xunta pedirá ao Ministerio de Agricultura que a Lei da Cadea Alimentaria recoñeza os datos de Conta Láctea como unha referencia para negociar os prezos coa industria

o conselleiro de Medio Rural, José González, presenta a aplicación informática Conta Láctea, de xestión económica para explotacións lácteas de Galicia
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, este mércores na presentación da app. PEPE FERRÍN (Agn)

Xa está dispoñible Conta Láctea, a aplicación informática que permite ás explotacións galegas levar unha contabilidade completa da súa empresa e calcular o que gastan en producir cada litro de leite para pelexar ante a industria por uns prezos que cubran eses custos e blinden a súa rendibilidade. Os gandeiros poden acceder a esta ferramenta a través da dirección web https://www.contalactea.gal/pladel e empezar a usala introducindo información e unha serie de cifras sobre a granxa e a súa actividade.

Cos datos facilitados, unha das principais achegas desta app é que indicará o custo de producir cada litro e permitirá ver se o que cobra a explotación cando menos o iguala ou está por enriba, algo ao que en teoría obriga a Lei da Cadea Alimentaria. Con todo, na práctica resulta difícil demostrar un incumprimento pola ausencia dun índice oficial para medir os custos. Conta Láctea nace precisamente para que cada gandeiro teña a súa referencia e a presente ante a industria. A cuestión é se as empresas de recollida darán por válidas esas cifras e teranas en conta á hora de fixar os prezos que pagan ás explotacións.

Para tratar de que así sexa, a Consellería do Medio Rural encargou un informe técnico-xurídico que acredite que esta ferramenta, testada por auditores de contas, se axusta ao que dita a lexislación contable española. A partir de aí, instará ao Ministerio de Agricultura a introducir na Lei da Cadea Alimentaria unha disposición específica que contemple que se existe unha aplicación informática para calcular os custos de produción avalada por un Goberno autonómico sirva como referencia "mínima" para negociar os prezos coa industria.

A aplicación permitirá máis adiante comparar os resultados e custos da explotación coa media das granxas cun tamaño similar

Avanzouno este mércores o conselleiro José González na presentación da app na Cidade da Cultura, onde aludiu á posibilidade de establecer sistemas de control que garantan que os datos introducidos polos gandeiros son correctos.

Esa é unha das peticións de Unións Agrarias, que a Xunta faga un seguimento dos custos calculados polos produtores e os valide publicamente. E, en liña co que pedirá o Goberno galego, a organización agraria chama ao ministerio a impulsar "as reformas precisas" para que a ferramenta teña a consideración de "oficial" e se incorpore na lei como referencia para a negociación dos prezos en orixe.

OPERATIVA. Máis aló de contabilizar os custos de produción, esta app impulsada coa colaboración da Fundación Juana de Veiga busca contribuír a mellorar a xestión económica das explotacións e reforzar así a súa profesionalización. Os gandeiros deben introducir gatos relativos aos ingresos e gastos mensuais; a investimentos e débedas, número de traballadores e horas de actividade; superficie agraria da granxa e outros datos técnicos. Obterán unha conta de resultados detallada, con información como a marxe que obteñen.

Máis adiante, a aplicación permitirá comparar os resultados e custos da explotación coa media das granxas cun tamaño similar para localizar parcelas de mellora na xestión.

Plantacións de forraxe colectivas en terras paradas ou abandonadas
A figura dos polígonos agroforestais que introduce a lei de recuperación da terra agraria de Galicia para mobilizar parcelas en estado de abandono ou infrautilizadas probarase no sector lácteo. Impulsaranse tres proxectos piloto de polígonos con entre 100 e 200 hectáreas de superficie para que agrupacións de gandeiros ou cooperativas planten forraxe de forma conxunta o máis cerca posible das súas explotacións e aforren custos. 

A Xunta custea o peche
O Goberno galego correrá cos gastos de pechar os polígonos para protexer do xabaril o cultivo.

Control do pastoreo
A Xunta lanzará este ano axudas para facerse con ferramentas de control do leite de pastoreo, como os colares con GPS.

Comentarios