Obxectivo: Evitar a folga xeral

O ministro de Traballo, Valeriano Gómez, e os secretarios xerais de CC.OO. e UGT, Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez, inauguraron o venres unha maratoniana reunión que retomaron este sábado --ás sete da tarde o encontro ía polas oito horas-- para chegar a un acordo sobre a reforma das pensións.

O principal punto de fricción é o atraso da idade de xubilación aos 67 anos que pretende o Goberno e que pode levar á convocatoria dunha folga xeral, que sería a segunda logo da do 29 de setembro en contra das decisións que o Executivo de Zapatero está  a tomar e que afectan o mercado de traballo.

Nesta liña, fontes sindicais informaron deste encontro, que as partes queren que se desenvolva con discreción, razón pola que rexeitaron facer pública a hora ou o lugar da reunión e non informarán dos seus resultados ata que conclúa.

A delegación de CC.OO. está encabezada por Fernández Toxo, a quen tamén acompañan o secretario de Acción Sindical, Ramón Górriz, e o secretario de Seguridade Social, Carlos Bravo. Pola súa banda, Méndez lidera a delegación de UGT, da que tamén forman parte o secretario de Acción Sindical, Toni Ferrer, e a secretaria de Política Social, Carmen López.

Goberno e sindicatos chegan a esta reunión despois de que nas últimas semanas se tivesen producido contactos para explorar a posibilidade de pactar a futura reforma do sistema público de pensións e da negociación colectiva, así como o desenvolvemento da reforma laboral. No entanto, o tema máis perentorio é o das pensións, xa que a falta de acordo en torno ao atraso da idade de xubilación aos 67 anos pode levar á convocatoria dunha folga xeral.

O luns reúnese o Consello Confederal de UGT, e o martes farao o de CC.OO., para analizar a súa resposta ao proxecto gobernamental para cambiar o sistema de pensións. Para os sindicatos a liña divisoria entre o acordo e o conflito é o aumento da idade legal de xubilación a 67 anos, aínda que tamén están en desacordo con que se amplíe por encima dos 15 anos o período sobre o que se calcula a pensión.

Neste sentido, non parece fácil que vaia haber un entendemento co Goberno, que deixou clara a súa vontade de incluír ambas as cuestións no proxecto de lei que ten previsto aprobar o próximo día 28. Na reunión tamén se tratará a reforma da negociación colectiva, xa que os axentes sociais teñen de prazo ata o 20 de marzo para chegar a un pacto antes de que o Executivo lexisle.

E o Goberno "pelexará" por chegar a un acordo cos sindicatos, pero se non se producen os cambios que o Goberno central pretende "non saen os números". Díxoo o vicepresidente primeiro, Alfredo Pérez Rubalcaba, quen recordou a intención de iniciar contactos cos sindicatos, coa patronal e cos grupos políticos para que o proxecto de lei sobre a reforma das pensións teña "o maior consenso posible" cando se aprobe.

Comentarios