O Goberno prorroga os Erte e as axudas para autónomos ata o 31 de maio

Mantéñense os de forza maior, impedimento e limitación vixentes ata agora e facilítase o tránsito entre estes últimos sen novos expedientes
María Jesús Montero. EUROPA PRESS
photo_camera María Jesús Montero. EUROPA PRESS

O Consello de Ministros aprobou este martes a prórroga ata o 31 de maio do esquema de protección dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte) vinculados á covid-19 para empresas e traballadores, así como a das prestacións para autónomos. 

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, explicou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que o real decreto polo que se prorrogan estas axudas buscar "preservar o tecido produtivo", á vez que "reforza e consolida a defensa do emprego".

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, valorou o rápido acordo alcanzado cos axentes sociais para prorrogar os Erte, que afectan a máis de 756.000 empregados, e as prestacións para autónomos, que protexen a 350.000 traballadores por conta propia. 

En concreto, o real decreto mantén os Erte de forza maior, de impedimento e de limitación vixentes ata agora e facilita o tránsito entre estes últimos sen que sexa necesario tramitar un novo expediente. 

A norma flexibiliza os requisitos para que os mozos en Erte poidan adscribirse ao Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e prorroga o Plan MECUIDA, para que os traballadores poidan flexibilizar a súa xornada para exercer os coidados de persoas dependentes. 

Os artistas de espectáculos públicos poderán seguir percibindo as prestacións por desemprego nos termos vixentes. 

Ademais, o real decreto permitirá que a Inspección de Traballo e Seguridade Social estenda actas de infracción automatizadas sen intervención directa dun funcionario e preservando as garantías xurídicas. 

O real decreto inclúe tamén a extensión ata o 31 de maio da prestación extraordinaria por cesamento de actividade para os autónomos, que reduce do 75% ao 50% o nivel de caída de actividade para acceder ao cobro da prestación.

Comentarios