O Goberno aproba de novo a senda de déficit rexeitada en xullo polo Congreso

É un paso previo requirido para que o Executivo poida presentar os seus Orzamentos

Pedro Sánchez, durante su comparecencia EFE
photo_camera A portavoz do Goberno, Isabel Celáa. ZIPI

O Consello de Ministros aprobou este venres de novo a senda de estabilidade orzamentaria para o período 2019-2021, anteriormente xa proposta e rexeitada polo Congreso en xullo, que prevé uns obxectivos de déficit máis flexibles, do 1,8 % do PIB para 2019, do 1,1 % para 2020 e do 0,4 % para 2021.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, a ministra portavoz Isabel Celaá, explicou que se volve a enviar ás Cortes a mesma senda para o conxunto das Administracións Públicas porque así o require a Lei de Estabilidade como paso previo á presentación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2019. "A decisión adóptase tras consultar coa Avogacía do Estado, que entende que é un requisito previo (aos Orzamentos)", dixo Celaá.

Volve enviar ás Cortes a mesma senda porque así o require a Lei de Estabilidade como paso previo a presentar os PGE 2019

A ministra portavoz engadiu que o Goberno "asume o trámite" por segunda vez porque ten o "firme compromiso" de presentar en xaneiro as contas públicas do ano que vén, que se formularán co obxectivo de déficit que estea en vigor nese momento.

Ese obxectivo será case con toda seguridade o actualmente vixente para o Estado, do 0,3 % do PIB, xa que, aínda que a nova senda de déficit superase o trámite no Congreso, non lograría sortear a maioría absoluta do PP no Senado.

A Cámara Alta mantén a capacidade de veto á senda de déficit, unha prerrogativa que perderá se se consegue aprobar a reforma da Lei de Estabilidade Orzamentaria proposta polo PSOE, Unidos Podemos, ERC e Compromís, algo que non ocorrerá no curto prazo dado que a súa tramitación está a ser bloqueada por PP e Cs.

O PSOE busca que "todos o discutan"
Celaá insistiu este venres en que o Goberno vai presentar os seus Orzamentos porque entende que son os que necesita o país para poder recuperar o Estado do benestar "menoscabado durante a crise".

"Isto vai obrigar a que todas as forzas políticas o debatan, o discutan, o enmenden ou expoñan as súas propostas alternativas", afirmou a portavoz, que incidiu en que os grupos parlamentarios terán que explicar á cidadanía, aos presidentes autonómicos e aos alcaldes "por que os afirman ou por que os negan". 

Comentarios