Gas Natural non poderá emitir facturas de períodos anteriores a un ano

Unha sentenza do Xulgado do Mercantil da Coruña ve "abusiva" a interrupción da subministración ► A Femp pide prohibir que se corte a luz aos fogares sen pedir antes un informe ao concello
Facturas eléctricas (Foto: AEP)
photo_camera Facturas eléctricas (Foto: AEP)

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña divulgou este venres unha sentenza na que prohibe á empresa Gas Natural emitir facturas de cobro de consumos de enerxía eléctrica correspondentes a períodos anteriores a un ano. Segundo o texto, o tribunal considera que "a facturación de enerxía por períodos anteriores a un ano é abusiva e xa que logo ilícita na medida que é contraria á reciprocidade e a boa fe".

Resólvese así a demanda colectiva presentada pola Fiscalía Provincial da Coruña contra Gas Natural ante as queixas de decenas de usuarios que recibían estes recibos. A empresa demandada tampouco poderá, a partir de agora, interromper a subministración aos clientes con falta de pagamentos de facturas anteriores a un ano ou incluír a estas persoas nun ficheiro de solvencia patrimonial, unha cuestión que o xulgado tamén ve como ilícita e abusiva.

Así mesmo, a sentenza tamén contempla a comunicación ao Ministerio de Industria e Enerxía da decisión "por se procede impor á empresa demandada sancións de carácter administrativo, de conformidade coa establecido na Lei 24/2013 do sector eléctrico". No entanto, a resolución xudicial non é firme e poderá ser recorrida ante a Audiencia Provincial.

Doutra banda, o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), Abel Caballero, pediu ao ministro de Enerxía, Álvaro Nadal, que se prohiban os cortes de luz aos fogares que non poden pagala e que se esixa un informe previo ao concello preceptivo. O tamén alcalde de Vigo mantivo na tarde deste venres unha breve reunión con Nadal na sede do ministerio, en Madrid, para trasladarlle a postura dos municipios sobre a pobreza enerxética.

A súa proposta é que se prohiba "taxativamente" o corte da enerxía eléctrica ou de gas nos fogares ata que se emita un informe do concello, no que se indique a causa da falta de pagamento da factura, de maneira que se é por razóns económicas non se poida interromper a subministración. O concello pode elaborar un informe "rapidísimo" de cada fogar en concreto, identificando ás familias e a situación na que se atopan, de modo que se evite a suspensión do servizo en casos de grave carencia económica.

Comentarios