Galicia suma 147.783 empregados públicos, a maior cifra en tres anos

No último ano, os concellos foron os que máis efectivos ficharon, mentres a Xunta reduciu o cadro de persoal, segundo os datos do Ministerio de Función Pública

Delegación de la Agencia Tributaria. AEP
photo_camera Unha delegación da Axencia Tributaria. AEP

Tras os recortes impostos pola crise, os persoais das administracións públicas volven crecer. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Función Pública o número de efectivos ao servizo da Xunta, os concellos, as universidades e o Estado en Galicia alcanzou os 147.783 en xullo, unha cifra que reflicte que nun ano os cadros aumentaron en 956 empregados, aínda que non houbo fichaxes en todos os niveis. Aínda que se trata do continxente máis numeroso desde xullo de 2015, cando as institucións públicas sostiñan 149.633 nóminas na comunidade, dista moito dos 154.097 efectivos que chegaron a contabilizarse en 2010, mentres o Goberno de Zapatero comezaba a aplicar os primeiros recortes para atallar o déficit público.

A modo de curiosidade, o número de empregos públicos equivale practicamente en Galicia aos que sostén o sector da industria en termos de afiliación á Seguridade Social e duplica con fartura os 59.500 do agro e a pesca. 

Evolución do número de empregados públicos. EPO incremento interanual dos efectivos no conxunto do Estado alcanzou o 1,9%, de modo que foi máis intenso que o rexistrado en Galicia, do 0,7%. En total, 2.583.494 persoas traballaban para algún dos distintos niveis da administración o pasado xullo, 48.001 máis que no mesmo mes de 2017. Tamén se observa un aumento se a comparativa realízase con xaneiro, pois ás portas do verán había 29.989 efectivos máis entre funcionarios de carreira, persoal estatutario dos servizos sanitarios e persoal laboral. 

A radiografía que ofrece o ministerio non é completa, pois non computa altos cargos nin o persoal laboral das autonomías con contratos de menos de seis meses

Hai que ter en conta que a radiografía que ofrece o ministerio non é completa, pois non computa os altos cargos, os cargos electos, o persoal ao servizo dos órganos constitucionais e o das empresas públicas, mutuas, fundacións e consorcios. Tampouco figura o persoal laboral das autonomías con contratos de duración inferior a seis meses e os que están en formación, prácticas, reserva ou "calquera outra situación que non sexa a de servizo activo" nas comunidades e as entidades locais.  

¿Que entes xeraron máis emprego en Galicia? Cos comicios locais de 2019 á vista, a administración municipal foi a que máis traballadores incorporou, 979 efectivos nun ano, ata alcanzar os 26.727. Os organismos do Estado sumaron 159, co que chegaron a 27.263 nóminas; mentres que as universidades chegaron a 7.613 empregados, 21 máis que en xullo de 2017. Únicamente a Xunta rompeu a tónica ascendente, pois o ministerio cifra en 86.180 os seus efectivos, 203 menos, aínda que hai que ter en conta os contratos que o informe non computa.

Por comunidades, o informe indica que Andalucía e Madrid concentran o 35% do emprego público de toda España. 

A nivel salarial, estes traballadores beneficiaranse a partir de xaneiro da subida do 2,25% aprobada polo Goberno central a semana pasada e que este xoves publicou o Boletín Oficial do Estado (Boe). A alza complementarase cun 0,25% adicional para melloras de produtividade que se negociará en cada administración, ao que se podería sumar outro 0,25% dependendo da evolución da economía. 

Comentarios