Galicia perdeu 607 traballadores autónomos en agosto

Galicia perdeu un total de 607 traballadores autónomos en agosto pasado, informou este mércores a Asociación de Traballadores Autónomos (Ata) nun comunicado no que destaca que os sectores máis castigados pola crise foron o agrícola e o transporte.

A Ata subliña que Galicia tivo en agosto 222.831 traballadores autónomos, fronte a 223.438 en xullo, o que supón un descenso de 0,3 por cento, e apunta que é un comportamento comparativamente mellor que o do conxunto de España, onde o descenso foi de 0,4 por cento.

Nos primeiros oito meses de 2010 Galicia perdeu 2.739 traballadores autónomos, o que supón un descenso de 1,2 por cento, mentres que no conxunto de España houbo nese mesmo período 35.231 menos, o que representa unha baixada de 1,1 por cento. Segundo datos da Ata, a hostalería foi "o sector menos prexudicado en agosto", un período vacacional no que Galicia rexistrou este ano un crecemento coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo.

Comentarios