Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

Galicia e as autonomías máis despoboadas esixen unha reforma do financiamento sen privilexios

García-Page, Javier Fernández, Javier Lambán, Núñez Feijóo, Jose Ignacio Ceniceros e Juan Vicente Herrera. JAVIER CEBOLLADA (EFE)
García-Page, Javier Fernández, Javier Lambán, Núñez Feijóo, Jose Ignacio Ceniceros e Juan Vicente Herrera. JAVIER CEBOLLADA (EFE)

Feijóo asegura que o financiamento "vai de contas e non de contos"
 

Galicia, Asturias, A Rioxa, Aragón, Castela-A Mancha e Castela e León asinaron este luns en Zaragoza unha declaración institucional sobre a reforma do sistema de financiamento que pediron que sexa multilateral, que non inclúa privilexios para ningunha autonomía e que se acometa urxentemente. Os presidentes das seis comunidades, nas que vive o 21% da poboación a pesar de representar o 52% do territorio, esixen un novo modelo que se basee no respecto á Constitución e sobre todo no principio de igualdade de todos os españois, que garante que todos teñan os mesmos dereitos independentemente do lugar no que vivan.

Con este documento, os presidentes Alberto Nuñez Feijóo (Galicia), José Ignacio Ceniceros (A Rioxa) e Juan Vicente Herrera (Castela e León), do PP; e Javier Lambán (Aragón), Javier Fernández (Asturias) e Emiliano García Page (Castela-A Mancha), do PSOE, pretenden transmitir ao Goberno central a necesidade "perentoria" de definir un novo modelo, que debe de ser obxecto dun consenso multilateral no Consello de Política Fiscal e Financeira.

Nunha conferencia de prensa posterior, os seis presidentes coincidiron en rexeitar calquera intento de bilateralidade. "O financiamento vai de contas e non de contos", salientou Feijóo.  "O que afecta a todos, decidirémolo ente todos; non pode haber 17 réximes bilaterais", engadiu García Page.

O documento enviarase a Pedro Sánchez e aos ministros implicados para tratar de forzar a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira

As súas esixencias pasan por que na reforma se potencie o principio de suficiencia e se garanta, segundo explicou Lambán, que as necesidades financeiras se fixan atendendo o custo real dos servizos nunhas comunidades moi despoboadas, envellecidas, cunhas condicións orográficas moi especiais e cunha elevada dispersión da poboación.

Na declaración de Zaragoza demándase que, tras a reforma, ningunha autonomía empeore a súa posición financeira, e tamén que se respecte o principio de lealdade institucional. En concreto, explicou Herrera, que cando o Goberno de España tome decisións "lexítimas" que impliquen máis gasto ás autonomías, este non se lles "endose" ás comunidades.

Os seis presidentes autonómicos consideran necesario mellorar os seus recursos para prestar servizos de calidade, e esixen xa que logo que se abone ás comunidades o importe da mensualidade do Ive non ingresada en 2017, xa que en caso contrario o Estado disporía duns ingresos que corresponden ás autonomías.

Feijóo encomia o consenso ao que chegaron seis presidentes de dúas cores políticas diferentes

A loita contra o despoboamento é outro dos eixos da declaración e, neste sentido, os presidentes fan fincapé na necesidade dunha estratexia europea sobre o cambio demográfico que coordine o conxunto dos instrumentos e fondos da Unión. A política de cohesión, ao seu xuízo, ten que estar ao servizo dos novos retos, entre eles o demográfico, opinan.

A súa dotación non pode basearse só nun único indicador, o PIB per cápita, senón tamén na evolución da poboación, na dispersión, no envellecemento, ou na emigración nova ou na caída da natalidade.

O documento enviarase ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e aos ministros implicados para tratar de forzar a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira. Esta reunión, segundo coincidiron en sinalar todos os presidentes, "non vai contra ninguén", nin sequera contra os "sucesivos" gobernos da nación, senón que pretende servir de axuda ao Executivo central para que poña en práctica criterios "de xustiza e cohesión", dixo Lambán.

Feijóo, pola súa banda, encomiou o consenso ao que chegaron seis presidentes de dúas cores políticas diferentes que queren participar no deseño da España autonómica e que urxen a que a reforma do sistema de financiamento leve a cabo esta mesma lexislatura. 

Galicia e as autonomías máis despoboadas esixen unha reforma do...
Comentarios