61.900 fogares galegos están no paro

O paro subiu en Galicia en 8.200 persoas no cuarto trimestre de 2010 respecto ao trimestre anterior, o que sitúa o número de parados na comunidade en 203.500 e unha taxa de desemprego do 15,7 por cento da poboación activa, segundo a Enquisa de Poboación Activa (Epa) que publica o Ine. O aumento respecto ao mesmo trimestre do ano anterior é de 35.100 persoas, un 20,8 por cento máis que hai un ano.

A poboación activa, 16 ou máis anos, situouse no cuarto trimestre en Galicia en 1.296.600 persoas, 17.400 persoas menos que o trimestre anterior e 10.700 persoas menos que o mesmo trimestre do 2009. Desta poboación en activo, o número de ocupados foi no cuarto trimestre de 1.093.100 persoas, 25.600 persoas menos que o trimestre anterior e 45.800 persoas menos que o mesmo trimestre do 2009, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Por sexos, a taxa de actividade sitúase no 61 por cento no caso dos homes (-1,1 por cento) e no 48 (-0,3 por cento) no das mulleres respecto ao trimestre anterior, mentres que a taxa de ocupación é do 52,1 por cento para os homes (-1,0 por cento) e do 40,2 (-0,5 por cento) para as mulleres.

En canto ao paro, a taxa continúa sendo maior entre as mulleres, cun 16,3 por cento, fronte ao 15,2 dos homes. O sector no que máis baixou a ocupación no cuarto trimestre foi nos servizos, con 10.700 persoas menos que o trimestre anterior, seguido pola construción (-5.900), a industria (-5.800) e a agricultura e pesca (-3.300). A taxa de temporalidade entre asalariados baixou un 1,1 por cento, ata o 25,2 por cento.

O número de fogares con polo menos unha persoa activa e no que todos os seus membros activos están parados aumentou en 4.000 no último trimestre do ano, ata os 61.900, o que implica un aumento do 25,6 por cento respecto ao ano anterior.

A taxa de paro entre os mozos, entre 16 e 29 anos, situouse no cuarto trimestre no 27,9 por cento, un 2,6 por cento máis que o trimestre anterior e un 3,9 por cento máis que hai un ano, ata chegar aos 67.600 desempregados neste colectivo. Entre os mozos, a taxa de temporalidade é do 50,1 por cento.

Das sete grandes cidades galegas, a taxa de paro é maior en Pontevedra, co 22,5 por cento, seguida de Vigo, un 19 por cento, e Ferrol, un 18,8 por cento. A menor taxa de paro entre estas cidades é para Santiago, un 10,8 por cento, seguida de Lugo e Ourense, ambas cunha taxa de desemprego do 13,8 por cento, e da Coruña, cun 14,1 por cento.

Comentarios