A Federación Rural Galega (Fruga) informou de que a empresa Lactalis, de capital francés e con plantas en Nadela e Vilalba, presentou aos gandeiros galegos unha oferta para a renovación dos seus contratos cuns "prezos similares, nalgúns casos, ou con prezos máis baixos, noutros, que a campaña pasada".
Fruga afirma que os prezos que oferta Lactalis prodúcense nunhas circunstancias marcadas por unha "subida constante e continua dos custos de produción", provocada polo incremento de prezo dos concentrados. "Tendo en conta que esta industria é das primeiras en presentar a oferta, consegue ser, realmente, quen lles fixa o prezo de mercado aos demais compradores", afirma o coordinador de Sectores Gandeiros de Fruga, Elias Somoza.
Somoza lamenta que "nin a lexislación aprobada", que supostamente debe impedir a venda de leite por baixo dos custos de produción, nin o concurso das organizacións de produtores, serviu para impedir que "unha vez máis" a "terceira empresa a nivel mundial en canto a volume de comercialización sexa quen fixe o prezo que van cobrar as ganderías galegas". "As industrias lácteas que operan neste país son na súa maioría de capital foráneo e coas explotacións galegas fan o seu agosto. En Galicia pagan os prezos máis baixos do estado e dos máis baixos da Unión Europea, con calidades similares", lamentou.
Para Fruga, "nin as administracións nin as organizacións de produtores están a cumprir o seu labor de defensa do sector produtor".