Feijóo di que "non hai nada que ocultar" e entregará a documentación da fusión das caixas que falte

Reunión da comisión de investigación sobre as caixas galegas. AEP
photo_camera Reunión da comisión de investigación sobre as caixas galegas. AEP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que "non hai nada que ocultar" e que se "entregará" a documentación da fusión das caixas de aforros galegas —Caixanova e Caixa Galicia— que falte.  Díxoo despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenase á Xunta a entregar dous informes que o deputado Antón Sánchez solicitou ao Goberno autonómico e que, ante a falta de resposta desde 2013, decidiu denuncialo xudicialmente, por "vulneración" dos seus dereitos como deputados, en 2018. 

A preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello, Feijóo defendeu que a sentenza se refire a unha documentación "que se pediu en 2018", a través do artigo 9 e despois denunciada, aínda que o parlamentario, entón de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), xa a solicitou desde o inicio da investigación parlamentaria na Cámara galega, que se activou no verán de 2013. 

O mandatario autonómico defendeu que o Executivo autonómico enviou "unha enorme cantidade de documentación" ao Parlamento autonómico, como "a propia sentenza recoñece" ao sinalar que o deputado "tiña á súa disposición boa parte da documentación que demandaba" sobre a fusión das caixas, que "foi autorizada polo Goberno de España" e que el mesmo tamén subscribiu. 

"Imos comprobar se eses dous documentos están nas caixas e, estean ou non, ímolos entregar"

A Consellería de Facenda enviou, no seu día, 34 caixas con informes, que foron situados, a porta pechada salvo para os deputados, na coñecida como sala do Estatuto. A comisión parlamentaria aberta en 2013 nunca chegou ao seu fin, porque aínda que a fase preliminar terminouse, as conclusións --que pola súa natureza poden ser levadas á Xustiza-- non se chegaron a escribir.

Na sentenza, estímase que hai que entregar a documentación ou, en caso de forza maior para non facelo, hai que xustificar esta situación. "Pensamos que esa documentación está nas 34 caixas, pero imos revisalo e, no caso de que non estea, ímoslla facilitar toda", garantiu Feijóo. 

O mandatario autonómico indicou que se trata de "dous documentos", que "se van a pór a disposición" do deputado. Ademais, defendeu que a Xunta pode "alegar causa de forza maior ou entregar" a documentación, e a Xunta "vai elixir a opción dúas": "Imos comprobar se eses dous documentos están nas caixas e, estean ou non, ímolos entregar". 

Comentarios