Feijóo anuncia que os últimos trimestres do ano ''non serán bos''

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, augurou este mércores que os datos económicos do último trimestre do ano en Galicia "non van ser bos", aínda que defendeu a xestión realizada polo Executivo autonómico e recalcou que hai "25.000 persoas menos en paro" desde a súa chegada ao goberno. Fíxoo en resposta ao portavoz do grupo nacionalista, Carlos Aymerich, quen chamou á participación na folga xeral de próximo 29 de setembro, que "abrirá os oídos" a Feijóo.

"O que xa faltaba é que me digan que a folga do 29 é contra o Goberno do PP. Cando menos é sorprendente", replicou respecto diso o titular do Executivo autonómico. Así mesmo, mostrouse moi duro cos nacionalistas, ao cualificar de "patético" o feito de escoitar "agora as súas críticas ás políticas económicas que aplaudían antes".

As ''ferramentas'' da Xunta
Na sesión de control do pleno do Parlamento, Feijóo defendeu que en Galicia se substituíu "a folga xeral polo diálogo social" para toda a lexislatura, e lamentou que "a central nacionalista [CIG] non se unise" aos acordos recentemente subscritos. Tras criticar as políticas do Goberno central, resaltou as cinco "ferramentas" que aplica a Xunta para combater a crise: "pagar, estabilidade, diálogo social, éxito do Xacobeo e austeridade e equilibrio nas contas".

O presidente da Xunta insistiu en que a crise é "a preocupación máxima" do Goberno que dirixe pero subliñou que "non imos mentir á xente" e, por iso, recoñeceu que "seguro que o último trimestre non será bo". Así, sinalou que non poden estar "satisfeitos" coa situación económica, pero argumentou que non se poden falsear os datos" e que, segundo el, estes din que "non hai máis parados en Galicia que cando vostede aplaudía a política económica do Goberno socialista", espetoulle a Aymerich.

Fronte ás críticas do BNG sobre o aumento do paro --Aymerich indicou que Galicia ten 40.000 desempregados máis que cando o PPdeG empezou a gobernar-- e do número de Eres, Feijóo sinalou que o número de expedientes de regulación de emprego baixou un 30% en Galicia, con 7.750 traballadores afectados menos.

Sairán á rúa aqueles ''aos que vostedes non escoitan''
Na súa intervención, Aymerich criticou as políticas económicas tanto do Goberno central como do galego. Das primeiras dixo que "van agravar a crise", pero alertou de que se as segundas non cambian, "vai ser difícil saír dela". Así, o portavoz do grupo nacionalista invitou a Feijóo "a cambiar de política e ter algo máis de dignidade na defensa deste país", e fixo un chamamento a participar na folga xeral.

"O próximo día 29 toda a xente á que vostedes non escoitan vai facerse ouvir e nós estaremos con esa xente", proclamou Aymerich, quen se mostrou convencido de que as protestas serán escoitadas porque tamén o foron cando se fixeron contra o traballo infantil ou en favor da xornada laboral de oito horas.

Doutra banda, e ante os reproches do deputado do BNG acerca de que os populares "din unha cousa aquí e outra en Madrid" --en referencia á frustrada toma en consideración da proposta para transferir a Galicia as competencias de tráfico, polo voto en contra socialista e a abstención do PP--, o presidente da Xunta afirmou que "o único partido que votou en contra da transferencia foi o seu socio de Goberno", en referencia ao PSdeG.

Comentarios