Falece o banqueiro Emilio Botín aos 79 anos

O presidente do Grupo Santander, Emilio Botín, faleceu onte á noite aos 79 anos, tras sufrir un infarto no seu domicilio de Madrid. Nun comunicado enviado hoxe á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), o Santander informaba do falecemento. A comisión de nomeamentos e retribucións e o consello de administración reuníronse esta tarde e designaron a Ana Patricia Botín, filla do falecido e encargada da dirección da filial británica do Grupo Santander, nova presidenta da entidade.

Nacido o 1 de outubro de 1934 en Santander, Botín foi herdeiro da tradición financeira da súa familia, xa que o seu avó e o seu pai tamén foron presidentes do Banco Santander, e comezou a dirixir esta entidade bancaria en 1986, para, posteriormente, facerse cargo da súa expansión internacional.

Licenciado en Dereito e Economía pola Universidade de Deusto, Emilio Botín ingresou aos 24 anos no Banco Santander, onde ocupou os postos de apoderado dos servizos centrais e de subdirector xeral. Conselleiro do Banco Santander desde 1960, catro anos máis tarde foi nomeado director xeral e en 1971 foi elixido vicepresidente segundo do consello de administración da entidade financeira.

Membro da Comisión Executiva do Banco Santander desde 1964, foi designado conselleiro delegado en 1977. O 19 de novembro de 1986 foi nomeado presidente do Banco Santander e converteuse nun dos poucos xestores financeiros que ademais de asumir a presidencia da entidade, era o seu principal executivo e máximo accionista.

A súa xestión caracterizouse pola súa estratexia no mercado internacional e por un proceso de fusións e adquisicións nacionais para conseguir o liderado da banca española. Emilio Botín estaba casado con Paloma O'Shea Artiñano e tiña seis fillos.

Comentarios