lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

As exportacións galegas crecen un 8% no primeiro semestre do ano respecto de 2019

Fernando Guldrís. EP
Fernando Guldrís. EP
En comparación co ano pasado, a cifra ascende a un a un 31%

As exportacións galegas creceron durante o primeiro semestre de 2021 un 8% respecto de 2019 e un 31% en comparación con 2020, ano marcado pola pandemia.

Diso informou o director do Instituto Galego de Promoción Económica, Fernando Guldrís, en resposta a unha pregunta da deputada popular Sandra Vázquez na Comisión 5ª de Economía, Facenda e Orzamentos celebrada este xoves.

Alí, Guldrís fixo balance das cifras de exportacións do primeiro semestre do ano, que se pechou con 11.300 millóns de euros en vendas ao exterior.

Trátase dun 31% máis que o pasado ano, aínda que 2020 estivo marcado polo impacto da crise do covid-19. En todo caso, o responsable do Igape resaltou que a economía galega supera a media española (aumento do 23%) e foi a segunda comunidade con maior crecemento logo de Madrid.

Ademais, Guldrís celebrou os datos en comparativa con 2019, último ano "de normalidade" respecto ao que as exportacións aumentaron un 8% ao vender 825 millóns de euros máis durante a primeira metade do actual ano 2021.

ESTRATEXIA DE INTERNACIONALIZACIÓN. Por outra banda, o responsable do Igape aproveitou para debullar a estratexia de internacionalización da economía galega, aprobada no Consello da Xunta hai dúas semanas.

O obxectivo do plan é incrementar a 8.000 o número de empresas que venden os seus produtos ao exterior e alcanzar os 25.000 millóns anuais de facturación no ano 2025. 

O plan do Executivo autonómico contempla un investimento de 70 millóns de euros para os dous próximos anos (ata 2023) cos que pretende "impulsar a recuperación do tecido empresarial galego" tras a crise provocada pola pandemia. 

A estratexia establece unha serie de liñas para potenciar as posibilidades das empresas galegas no exterior e, deste xeito, aumentar a súa presenza a nivel internacional.

Neste sentido, a Xunta fixa como metas multiplicar "por tres" as exportacións a América do Norte, duplicar as de América do Sur e Asia e aumentar un 25% as vendas ao Reino Unido.

'ANTENAS' DO IGAPE. A estratexia pivotará ao redor de catro eixos, o primeiro deles, centrado na innovación, para o que se reforzará" o papel xogado polas 'antenas do Igape coa apertura de dúas novas, unha en Dubai e outra en Tokio.

A captación de talento, para a que se destinarán 9 millóns de euros, será o segundo deses alicerces, entre os que tamén se atopa o acompañamento nos mercados de destino e a "difusión de casos de éxito". 

Para as tarefas de acompañamento, a Xunta reserva un investimento de 10 millóns de euros ata 2023, mentres que o traballo de difundir os casos existosos recaerá no programa Igape Contigo

As exportacións galegas crecen un 8% no primeiro semestre do ano...
comentarios