España asina o seu primeiro superávit comercial desde o franquismo

España rexistrou en marzo o primeiro superávit comercial desde o inicio da serie histórica en 1971, de 634,9 millóns de euros (uns 820 millóns de dólares), informou hoxe o Ministerio de Economía.

Este superávit permitiu que o déficit acumulado do primeiro trimestre baixase un 62 % e sumase 4.047,9 millóns de euros.

As exportacións aumentaron o 3,9 % ata marzo, respecto ao mesmo trimestre de 2012, e sumaron 56.584,6 millóns, mentres que as importacións diminuíron o 6,9 % ata 60.632,4 millóns de euros.

Segundo o secretario de Estado de Comercio, Jaime García Legaz, o superávit de marzo, "un dato sen precedentes", supón unha ganancia de competitividade da economía e non se producía desde que empezou a elaborarse a serie histórica en 1971.

A taxa de cobertura (porcentaxe das importacións que poden pagarse coas exportacións) situouse nos tres primeiros meses do ano no 93,3 %, case dez puntos por encima do rexistro no mesmo período de 2012.

Jaime García-Legaz asegurou que a redución do déficit se debe á aceleración das exportacións como consecuencia da súa diversificación xeográfica e prevé que esta tendencia positiva se consolide nos próximos meses.

As vendas españolas creceron un 15 % cara aos mercados fóra da Unión Europea, especialmente a Asia, onde as exportacións se incrementaron o 22,5 %; a África, cun aumento do 18,5 %, e a América Latina, con avance do 8,9 %.

Así mesmo, García Legaz destacou o aumento da base exportadora, como "un factor crave" para explicar esta tendencia positiva e dixo que nos dous primeiros meses do ano exportaron 58.932 empresas, un 8,8 % máis que no mesmo período de 2012.

En canto ás importacións, García-Legaz asegurou que a caída das compras non se debe tanto ao descenso da demanda interna como á substitución dos produtos importados por produtos producidos en España.

Comentarios