España coloca por primeira vez débeda a cinco anos con intereses negativos

Os analistas esperaban repuntes no interese da emisión deste xoves motivados polas tensións producidas no mercado ante a incapacidade de Grecia de alcanzar un acordo cos seus acredores

España captou este xoves 4.463 millóns de euros en bonos a longo prazo e conseguiu colocar, por primeira vez na súa historia, débeda a cinco anos con intereses negativos do 0,25 %, aínda que tivo que elevar a rendibilidade a tres e dez anos.

Non é a primeira vez que España coloca débeda con intereses negativos, aínda que si a primeira que o logra con bonos a tan longo prazo, xa que ata agora conseguira que os investidores pagasen polas súas letras a tres e seis meses.

Dos 4.463,6 millóns de euros adxudicados hoxe, 2.396,54 saíron a tres anos cun interese marxinal do 0,209 %, superior ao 0,156 % precedente, e outros 1.182,10 millóns de euros a dez anos cunha rendibilidade do 1,893 %, tamén por encima do 1,289 % da poxa precedente e en liña coa cotización da débeda deste prazo no mercado secundario.

Aínda que a cinco anos colocáronse apenas 885,02 millóns de euros, o Tesouro logrou por primeira vez desde que existen rexistros adxudicar débeda a tan longo prazo con rendibilidade negativa, do 0,25 %; na anterior poxa, colocouse ao 0,549 %.

A demanda das entidades alcanzou 9.607 millóns de euros, co que o cociente de cobertura, que é a proporción entre as solicitudes e o importe adxudicado, foi de 2,1 veces.

Os analistas consultados por Efe esperaban repuntes no interese da emisión deste xoves, lóxicos polas tensións que vive o mercado secundario de débeda ante a incapacidade de Grecia de alcanzar un acordo cos seus acredores e a posibilidade de que o país abandone a zona do euro.

Por iso, e a pesar de que se trata dunha cantidade menor en comparación co total adxudicado este juieves, o feito de que España non abandone o selecto club de países que se financia gratis, é dicir, aos que os investidores pagan por comprar a súa débeda, é moi significativo.

Entre eles están Alemaña, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia e Holanda.

Comentarios