viernes. 23.10.2020 |
El tiempo
viernes. 23.10.2020
El tiempo

Dúas empresas galegas crean unha máquina para desinfectar as lentes das ópticas

O Covid-Killer é un expositor que converte o osíxeno en ozono para limpeza de lentes e despois volve converter o ozono en osíxeno. OPTIMIL
O Covid-Killer é un expositor que converte o osíxeno en ozono para limpeza de lentes e despois volve converter o ozono en osíxeno. OPTIMIL
O modelo, baseado na utilización de ozono, podería adaptarse a outros sectores como o téxtil

Dúas empresas galegas, Optimil e Stark by Ausavil, crearon o Covid-Killer, unha máquina para a desinfección de coronavirus a través de ozono destinada a lentes en ópticas. 

Nunha entrevista con Europa Press, o director xeral de Optimil, Manuel Baltar, explica que esta é unha solución "moi rápida" que naceu da necesidade de achegar "seguridade" aos clientes a raíz do impacto da covid-19, dado que os ollos son "unha das portas de entrada" do virus. 

En concreto, trátase dun expositor "estanco" que converte o osíxeno en ozono para a limpeza das lentes e despois volve converter o ozono en osíxeno "para que non prexudique á xente". 

Así, asegura que se poden desinfectar 36 lentes en dous minutos e medio –con sete minutos de estabilización de ozono– e 70 lentes en cinco minutos –con 10 minutos de estabilización de ozono–. 

Baltar indica que el e o seu equipo de Optimil deseñaron a idea e achegaron a solución, mentres se contou coa colaboración da fábrica da Estrada de Stark, que "leva tempo traballando co ozono".

COMERCIALIZACIÓN. Baltar sostén que o ozono é a "solución ideal", dado que outros métodos como o hipoclorito –lejía– é "moi tedioso", mentres os raios ultravioletas "só actúan sobre a superficie na que inciden", polo que "é imposible chegar a todos os recunchos". 

O Covid-Killer "xa non é só que mate o virus", senón que nunha óptica axiliza o funcionamento para a limpeza de lentes. 

Cada cliente próbase "unhas 10 ou 12" lentes, polo que nunha óptica contamínanse cada día unhas 400 lentes, o que carrexa un "problema". Por tal motivo, achégase esta solución que facilita a limpeza no "mínimo tempo posible" e "xera tranquilidade de usuario". 

Logo da implantación nas máis de 30 ópticas de Optimil en España esta máquina ponse "a disposición do mercado". "Hai cadeas nacionais que xa fixeron pedido e que están interesados nesta máquina", relata Baltar. Así, habilitouse unha web na que se pode solicitar de xeito profesional unha demostración. 

Esta é unha invención que se inscribiu para conseguir a patente europea, coa intención de lanzala en Estados Unidos, porque "non hai nada igual a isto".

MÁIS SECTORES. Tras un desenvolvemento "moi custoso", cun "importante" investimento para realizar o prototipo e as probas de laboratorio, actualmente xa se traballa en novos modelos co obxectivo de que se amplíe o seu uso a sectores como zapatería, téxtil e xoiería. 

Tamén se avanza nun modelo de ámbito doméstico, que consistirá nun moble para a desinfección de zapatos en contacto coas beirarrúas. 

Dúas empresas galegas crean unha máquina para desinfectar as lentes...
comentarios