A patronal de Lugo aprema á CEG para convocar eleccións: "Non se pode seguir sen presidente"

O secretario xeral da CEL tacha de "insuficientes" os orzamentos da Xunta destinados á provincia 

Jaime López Vázquez. AEP
photo_camera Jaime López Vázquez. AEP

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo e membro da CEG, Jaime López, anunciou este martes que o xoves, durante a reunión do goberno desta entidade, pedirá a convocatoria urxente de eleccións para elixir a dirección dos empresarios galegos e, sobre todo, o seu presidente. 

"Na Confederación de Empresarios de Galicia non nos queda máis remedio que afrontar o reto, que pasa por convocar eleccións que é o que establecen os estatutos", razoa. 

López avanza que os empresarios da provincia, "na próxima reunión dos órganos de goberno da Confederación de Empresarios de Galicia, vai expor a convocatoria inmediata desas eleccións e se é posible telas antes de final de ano". "Non se pode seguir sen presidente na CEG", gabia.

PRESUPOSTOS "INSUFICIENTES" PARA LUGO. Polo demais, o empresario lucense mostrouse moi crítico cos orzamentos da Xunta e a súa incidencia na provincia de Lugo, deixando claro que son "insuficientes". Neste sentido, apelou a que "é evidente que o que é investimento real en Lugo é moi limitada". 

"Non falamos do orzamento de gasto corrente na provincia. Tampouco imos negar o dato que se achega desde a Xunta, que é a provincia con renda per capita maior desde o punto de vista dos orzamentos pero iso débese a dous motivos fundamentais: a que hai moi pouca poboación e a repartición sempre vai ser maior, e a parte calquera gasto social en Lugo vai ser maior pola dispersión xeográfica", subscribe. 

López bota de menos do Goberno galego "unha aposta decidida por Lugo", á vez que reivindica que os veciños da provincia "non poden ser conformistas". 

Ademais, o secretario xeral da CEL demanda "melloras en infraestruturas fundamentais": "Non podemos obviar que estamos no século XXI e aínda non temos unha conexión con Santiago, nin interconexión, e temos vías de alta densidade de tráfico que se poden desdobrar de forma decidida e non se fai". "Este tipo de cousas mellora a calidade de vida dos lucenses", apuntou finalmente. 

Comentarios