Saracho será nomeado presidente do Popular na xunta de febreiro

Unha decisión que foi tomada "por consenso absoluto" no consello de administración
Emilio Saracho
photo_camera Emilio Saracho

Emilio Saracho será nomeado presidente de Banco Popular e do seu consello de administración na xunta extraordinaria de accionistas que celebrará a entidade en febreiro de 2017.  

Segundo comunicou o banco á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), o consello de administración de Popular decidiu por unanimidade propor a Saracho como primeiro espada da entidade nunha reunión ordinaria celebrada este mércores, a primeira desde que se abrise o proceso de sucesión na presidencia do banco.  

"O consello mostrou o seu firme convencemento de que este proceso afianza a estabilidade do banco", sinala o Banco Popular nunha nota de prensa

Esta decisión, que se alcanzou "por consenso absoluto", implica que Saracho tomará en febreiro as rendas da entidade tras a saída do actual presidente, Angel Ron, que terá lugar na mesma xunta de accionistas. Nun clima de entendemento total, o consello mostrou o seu firme convencemento de que este proceso de transición aberto o 1 de decembro afianza a estabilidade do banco", indica Popular nun comunicado.

SUBSTITUCIÓN NA ENTIDADE. O primeiro de mes, o banco celebrou un consello de administración extraordinario no que se decidiu abrir un proceso para relevar a Ron á fronte de Popular e crear unha vicepresidencia primeira do consello, cuxo titular aínda non foi designado. Deste xeito, intentábase pór fin á loita interna que se vivía no seo do banco entre Ron e os seus afíns e os conselleiros contrarios á súa xestión, entre os que se atoparían a conselleira coordinadora, Reyes Calderón, e o grupo de accionistas encabezados polo mexicano Antonio del Val.  

A perda de valor de Popular e o intento frustrado de fusión con Sabadell estarían na orixe destas disputas. Ata que a xunta de accionistas ratifique o nomeamento de Saracho, Angel Ron continuará como presidente do banco.  

Aínda que a situación non está normalizada e han de pasar meses ata que Ron abandone a entidade, o certo é que desde que se anunciou o desembarco de Saracho no banco os títulos de Popular recuperaron un 15,35% do seu valor en Bolsa, aproveitando, entre outras cousas, o rally de fin de ano.

Comentarios