Elena Salgado declara que o aumento da taxa de paro non é un mal dato

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Economía, Elena Salgado, asegurou que o incremento do paro rexistrado en agosto non é un dato malo se se pon "no contexto da estacionalidade".

En declaracións a unha emisora de radio, a titular de Economía recordou que en agosto de 2007, cando se experimentou un crecemento económico a unha taxa do 3,7%, o paro aumentou en 58.000 persoas durante agosto, cifra similar á do mes pasado, no que 61.083 persoas se rexistraron nos Servizos Públicos de Emprego.

Salgado recomendoulles ás persoas que se atopen desempregadas "formarse ao máximo para incrementar a súa empregabilidade" e dedicarse á procura activa de emprego. Tamén lles pediu que teñan confianza na mellora da economía, porque "a situación actual pasará" e "axiña" comezará a crearse de novo emprego neto.

Prestacións
Así mesmo, reclamou comprensión para as medidas que o Goberno está a pór en marcha fronte á crise, porque "empezan a facer efecto", e recordoulle aos desempregados que están protexidos pola prestación social.

Neste sentido, descartou taxativamente unha eventual redución nas "prestacións contributivas", aínda que non quixo dicir se se seguirá prorrogando a axuda de 426 euros mensuais durante seis meses, á que teñen dereito os parados que esgotaron o resto de subsidios.

Respecto diso, recordou que se trata dunha prestación que "sempre tivo vocación temporal" e que "non pode estenderse indefinidamente".

Comentarios