O Tesouro coloca 7.000 millóns en bonos a dez anos nunha emisión sindicada

O Tesouro Público español logrou colocar hoxe 7.000 millóns de euros en bonos a dez anos mediante unha emisión sindicada na que os bancos colocan directamente a débeda entre os investidores, e que contou cunha gran demanda.

Segundo fontes do mercado, na emisión ofreceuse unha rendibilidade anual do 5,4 %, que é equivalente a 365 puntos básicos respecto ao mid-swap, o índice de referencia para este tipo de colocacións.

Esta mañá, o ministro de Economía, LuIs de Guindos, anunciaba ao termo do Consello de Ministros de Economía e Finanzas da UE, que a poxa tivo unha demanda de 24.000 millóns de euros, unha cifra histórica.

"Nunca na historia do Estado español houbera nin unha poxa, nin un sindicado, con tal volume de demanda", afirmou De Guindos, que engadiu que o 60 % da demanda proviña de investidores estranxeiros.

Ademais desta poxa, o Tesouro español logrou adxudicar hoxe outros 2.784 millóns de euros -por encima do inicialmente previsto- en letras a 3 e 6 meses, unha operación que se saldou co interese máis baixo desde marzo de 2012.

As solicitudes das entidades alcanzaron 11.119 millóns de euros, co que cuadruplicaron a cantidade adxudicada e o cociente de cobertura, que é a proporción entre a demanda e o importe finalmente adxudicado, foi moi alto, de 3,9 veces.

Desde o inicio do ano, o Tesouro colocou 11.400 millóns de euros en instrumentos a medio e longo prazo, o que supón un 9,4 % da previsión de emisión para todo o ano (121.300 millóns).

Ante a poxa sindicada hoxe, o estratego de Citi en España José Luís Martínez Campuzano destacou o forte interese dos investidores, e asegurou que sen dúbida, foi "un éxito".

O analista de Self Bank Julián Lirola, pola súa banda, fala claramente dun cambio na percepción da solvencia do país, tal e como demostra unha demanda que superou todas as expectativas.

Se a boa colocación de letras a curto prazo mostra que España se financia con comodidade e conta con liquidez, dixo, a emisión sindicada indica que os investidores non perciben que en España haxa un risco de falta de pagamento.

Comentarios