O Tesouro coloca 2.511,7 millóns en letras cun novo mínimo a 9 meses

O Tesouro español colocou hoxe 2.511,7 millóns de euros en letras a 3 e 9 meses, por encima do obxectivo previsto, cun interese que marcou un novo mínimo histórico do 0,21% nos títulos a 9 meses e que subiu lixeiramente, ata o 0,138%, nas letras a 3 meses.

A demanda dos investidores sumou 8.872,7 millóns de euros en total, o que superou en 3,53 veces a cantidade finalmente adxudicada, en proba, unha vez máis, do gran interese que suscitan no mercado os títulos de débeda españois.

A maior parte do total adxudicado hoxe, 1.871,07 millóns de euros, colocáronse en letras a 9 meses, aínda que os investidores solicitaran 6.001,07 millóns, o que arroxa un cociente de cobertura de 3,21 veces.

Os outros 640 millóns de euros foron títulos a 3 meses, que saíron cun rendemento do 0,138%, por encima do 0,131% da última poxa desta denominación, que se celebrou o 24 de xuño e que foi mínimo histórico.

Os investidores solicitaron un total de 2.871,70 millóns destes últimos títulos, o que significa que o cociente de cobertura foi de 4,48 veces.

Pouco logo da poxa, a prima de risco española atopábase en 149 puntos básicos, sete puntos máis que na apertura, debido fundamentalmente á caída do rendemento do bono a dez anos ao 2,544%.

Na anterior poxa de letras a 3 e 9 meses, que se celebrou o 24 de xuño, o Tesouro captou 3.529,44 millóns de euros, tamén por encima do obxectivo máximo previsto de emisión e cos intereses máis baixos da historia para ambas adenominacións.

En concreto, a rendibilidade das letras a 3 meses foi do 0,131%, e a das de 9, o 0,316%. Ata hoxe, o Tesouro español captara xa 95.903 millóns de euros dentro do programa de financiamento regular a medio e longo prazo, o 74,2% da previsión para 2014. A poxa de hoxe é a última do mes de xullo, no que adxudicou máis de 12.153 millóns de euros entre bonos, obrigacións e letras.

Comentarios