O Tribunal Supremo anula o proxecto construtivo de Reganosa en Mugardos

A empresa xa traballa na solicitude dunha nova autorización para a planta de Mugardos e non prevé problemas no trámite
Instalaciones de Reganosa en Mugardos (Otto. AGN)
photo_camera Instalaciones de Reganosa en Mugardos (Otto. AGN)

O Supremo anulou o proxecto de execución das instalacións de Reganosa, mediante unha sentenza que se coñeceu este xoves e que se une á emitida a principios deste mes en contra da autorización administrativa previa para a instalación da planta de gas, situada en Mugardos. A sala terceira do Contencioso-Administrativo do alto tribunal estima así o recurso interposto en 2013 pola Plataforma de Veciños O Cruceiro de Mehá e a asociación de veciños San Esteban de Perlío, no que mencionaban diversas infraccións na Lei do Sector de Hidrocarburos, pola falta de adecuación do emprazamento ao réxime de ordenación do territorio e polo impacto ambiental, entre outros motivos. 

Reganosa, empresa galega dedicada ao transporte e regasificación de gas natural, comunicou que "está xa traballando" nunha nova solicitude de autorización administrativa para a planta de gas de Mugardos, un trámite no que non espera "obstáculos" e que cre que debería cumprirse "nun breve prazo".  Así o anunciou nun acto en Vigo o seu director xeral, Emilio Bruquetas, ao ser cuestionado polo novo fallo do Tribunal Supremo (TS), que "non é máis que unha consecuencia" doutra. En concreto, a finais de marzo, o TS noutra sentenza anulou a resolución que outorgou a Reganosa a autorización administrativa previa para a instalación da súa planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos. 

A compañía incide en que os defectos que atopa o TS non se refiren "en ningún caso" a instancias de seguridade nin ambiental


O executivo da compañía, que defendeu que a planta coruñesa é "estratéxica e fundamental" para o sistema gasista galego, nacional e europeo, sinalou que o tribunal "segue baseando a súa decisión en exactamente o mesmo, e as consecuencias son exactamente as mesmas". En relación a iso, especificou que os defectos que atopa o Supremo non se refiren "en ningún caso" a instancias de seguridade nin ambiental, senón que "o único defecto que atopa é un vicio dentro da tramitación urbanística en 2002, que o propio TS na súa sentenza di que está xa emendado" por unha modificación puntual do ano 2012 confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. 

Con todo iso, Bruquetas subliñou que a consecuencia destas sentenzas é que Reganosa ten que solicitar unha nova autorización, na que avanzou que xa están a traballar e en cuxa tramitación non prevén "absolutamente ningún problema".

EMPEZAR DE CERO. Con todo, a asesora xurídica do Comité Cidadán de Urxencia a Ría de Ferrol, Patricia Gabeiras, este fallo deixa a Reganosa na situación de ter que "empezar de cero" con toda a tramitación. "Esta sentenza anula a autorización de construción e todos os actos posteriores que se ditaron tras a autorización de construción, incluído a novo PXOM", pormenorizou, en relación a que o novo plan urbanístico de Mugardos si contempla o emprazamento de Reganosa.

Sobre a PXOM actual, sinalou que se aprobou cunha instalación que agora en firme é ilegal", polo que engade que a compañía mugardesa "tería que pechar a planta e pedir comezar unha nova tramitación". Para iso, segundo a avogada, Reganosa tería que "cumprir coa nova normativa ambiental e con toda a normativa de seguridade", ademais de acreditar "a viabilidade económico financeira da planta e que a PXOM contemple devandita instalación".

Comentarios