O recibo da luz subiu un 1,5% no pasado mes de setembro, segundo Facua

A factura do usuario medio situouse en 69,01 euros ►É a quinta subida mensual consecutiva
Un consumidor acciona un interruptor de luz
photo_camera Un consumidor acciona un interruptor de luz

O recibo da luz do usuario medio subiu en setembro por quinto mes consecutivo, cun incremento medio mensual do 1,5%, o que sitúa a factura mensual media en 69,01 euros (impostos indirectos incluídos), exactamente un euro por enriba da de agosto, segundo a análise de Facua.

Esta subida súmase á do 0,9% de agosto, ao 1,6% de xullo, ao 9,6% de xuño e ao 0,8% de maio tras un comezo de ano no que se produciron sucesivas diminucións no recibo grazas ao maior peso que tiveron as renovables, informou a asociación de consumidores nun comunicado.

Aínda que o recibo continúa "moi por baixo" dos 76,81 euros de decembro, Facua advirte de que as baixadas dos catro primeiros meses do ano "non compensan en absoluto a gran subida que se produciu durante a lexislatura 2012-2015, un 16,2%, que representou 500 euros acumulados para o usuario medio".

Facua realiza os seus estudos a partir da tarifa PVPC aplicada en domicilios cuxos contadores aínda non teñen a tarificación por horas, e nos que se utiliza un perfil de usuario cunha potencia contratada de 4,4 kW e un consumo mensual de 366 kWh mensuais, a media en España, segundo unha análise da asociación sobre varias decenas de miles de facturas de vivendas habitadas.

O recibo do usuario medio situouse en 69,01 euros en setembro, nos casos de usuarios con contadores sen a tarificación por horas.

Comentarios