201.800 parados en Galicia ao peche do segundo trimestre

O segundo trimestre do ano pecha en Galicia cun total de 201.800 desempregados, o que supón unha taxa de paro do 15,58%, segundo os números que figuran na Enquisa de Poboación Activa (EPA) que este venres publicou o INE. En comparación cos datos rexistrados ao finalizar marzo, a comunidade conta agora con 1.200 parados máis e é unha das seis nas que a cifra de desocupados foi en aumento.

Tomando os datos do conxunto do Estado, o desemprego subiu en 32.800 persoas entre abril e xuño ata situarse nos 4.645.500 traballadores sen ocupación. É o nivel máis alto desde 1997, tras tres anos de deterioración do emprego. 

A cifra total de parados elevou en catro décimas a súa porcentaxe correspondente, ata o 20,09% da poboación activa. Son catro centésimas máis respecto da taxa rexistrada ao peche de marzo, nun período que tradicionalmente é bo para o mercado laboral. Con este ascenso cúmprese o terceiro ano consecutivo de subidas.

Neste segundo trimestre a ocupación rexistrou un forte aumento, de 82.700 persoas, ata os 18.476.900, aínda que non puido absorber a todos os novos activos, de aí o aumento do paro, e no último ano o número de ocupados baixou en 468.100 persoas. Segundo a EPA, a poboación activa aumentou en 115.500 persoas ata os 23.122.300 persoas, o 0,5% máis e 39.900 máis que hai un ano (o 0,17%).

Comentarios