O mercado de turismos pecha abril cun 28,7% máis de matriculacións

O mercado de turismos segue co dinamismo que lle imprimiu o Plan PIVE e pechou abril con 80.174 matriculacións, un 28,7 % máis que as 62.317 do mesmo mes de 2013.

As asociacións automobilísticas de fabricantes (Anfac), vendedores (Ganvam) e concesionarios (Faconauto) informan de que o primeiro terzo do exercicio saldouse con 282.301 turismos matriculados, cifra un 16,2 % % superior á de xaneiro-abril do ano pasado, que se situou en 243.042.

Con abril, as matriculacións de turismos manteñen un refacho de oito meses consecutivos de progresión, aínda que os rexistros mensuais están aínda lonxe das 100.000 unidades habituais cada mes antes da crise.

Para amortecer o efecto estacional da Semana Santa, que en 2013 caeu en marzo e este ano en abril, as cifras de matriculacións no acumulado destes dous meses elevouse a 160.102 unidades, fronte ás 134.995 de marzo-abril do ano pasado, o que supón un crecemento do 18,6 %.

Por canles, en abril as empresas de aluguer foron as máis intensivas en crecemento de mercado cunha subida do 75,5 % no mes, en tanto que a alza do cuadrimestre elevouse ao 13,1 %.

Os particulares manteñen o bo ton de meses atrás e en abril rexistraron un crecemento do 19,5 %, que se elevou ao 23,3 % no marco do acumulado anual.

A canle de empresas foi o máis moderado en crecemento, un 2,7 % en abril e elevou ao 6,2 % o rexistro cuadrimestral.

David Barrientos, director de Comunicación de Anfac, afirma que o "Plan PIVE 5, con máis de 110.000 operacións realizadas, está a actuar como un elemento dinamizador e impulsor do consumo de vehículos e da economía española".

Engade Barrientos que "estamos nun momento idóneo para apontoar a recuperación, pois aínda temos un parque moi antigo".

Para o presidente de Ganvam, Juan Antonio Sánchez Torres, "as  cifras de abril mostran como esa bolsa retraída de dous millóns de potenciais compradores está a comezar a mobilizarse, grazas ás noticias que achegan a chegada da recuperación e conforman a apertura do crédito".

Jaume Roura, presidente da patronal dos concesionarios Faconauto, argumenta o resultado de abril nos compradores que pospuxeron a decisión de comprar un coche, pero que ven nos incentivos gobernamentais e no esforzo promocional das marcas a oportunidade para a renovación.

Comentarios