O IPC modera a caída en outubro pola suba nos prezos dos alimentos

O índice de prezos de consumo (IPC) caeu en outubro o 0,1 % en taxa interanual, de maneira que suma catro meses consecutivos de retrocesos, segundo o indicador adiantado publicado hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

De confirmarse este dato adiantado o próximo 13 de novembro, suporía unha mellora da taxa de inflación dunha décima respecto da rexistrada en setembro, cando caía o 0,2 %.

O INE explica que a menor baixada do IPC este mes débese principalmente á subida dos prezos dos alimentos e bebidas non alcohólicas, fronte ao descenso que rexistraron en outubro de 2013.

Por outra banda, os prezos de consumo rexistraron unha taxa mensual positiva en outubro, ao aumentar o 0,5 %. En canto á variación anual do IPC Harmonizado -que mide a evolución dos prezos co mesmo método en todos os países da zona do euro- o indicador adiantado mostra un retroceso en outubro do 0,2 %, unha décima mellor que a baixada do mes anterior (0,3 %).

Segundo a estatística do INE, os prezos suavizaron en outubro a súa caída aproximándose á estabilidade, logo de catro meses de descensos, período no que marcaron o pasado mes de agosto a maior baixada en case cinco anos, ao descender o 0,5 %.

Tras case catro anos holgadamente en positivo, desde o mes de setembro de 2013 a inflación mantívose en torno ao cero, situándose en negativo en outubro do ano pasado (0,1 %) por primeira vez desde 2009. Logo desta taxa negativa, os prezos creceron durante catro meses para volver caer en marzo pasado (0,1 %) e continuaron despois outro refacho alcista ata que no mes de xullo comezaron a caer de novo.

Comentarios