O Goberno ultima novas medidas para inxectar liquidez á economía

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, anunciou hoxe que "en breve" o Executivo español vai presentar novas medidas para inxectar liquidez á economía e favorecer a súa competitividade.

Santamaría sinalou que nesas medidas xa están a traballar distintos ministerios e recordou que un "compromiso firme" do seu partido pasa pola aprobación dunha nova lei de apoio aos emprendedores.

Esta lei ten que facer máis fácil a creación de emprego e favorecer "que teñan unha segunda oportunidade aquelas empresas que como consecuencia da crise fracasaron". "Iso significa alfombra vermella para todos os que queiran emprender e non a canle de dificultades e burocracia que lles impide crecer", afirmou a vicepresidenta nunha mensaxe que fixo chegar a un centenar de empresarios asturianos ante os que tiña previsto intervir hoxe en Oviedo para presentarlles o fondo aprobado polo Goberno para financiar os pagos a provedores.

Aínda que a néboa impediu a presenza de Santamaría en Asturias, ao ver cancelado o seu voo, fixo chegar aos asistentes ao acto organizado polo PP e a Federación Asturiana de Empresarios un vídeo no que defende as primeiras medidas adoptadas polo Executivo de Mariano Rajoy.

Sáenz de Santamaría sinalou tamén que o Goberno en breve presentará un conxunto de reformas que devolva a competitividade á economía española e entre elas citou a da formación profesional, a da educación, a do modelo enerxético e a da Xustiza.

Comentarios