Grecia paga

O FMI xa traballa nun plan de continxencia ante unha posible quebra de Grecia

O Fondo pide aos supervisores nacionais que garantan que as subsidiarias dos bancos gregos teña activos suficientes a trocar por financiamento de urxencia dos seus bancos centrais

O Fondo Monetario Internacional (FMI) está a traballar coas autoridades nacionais dos países do Sueste de Europa veciños de Grecia para preparar plans de continxencia ante unha posible quebra da economía helena, segundo unhas informacións do The Wall Street Journal recollidas por axénciaa Europa Press no seu portal web.

O diario recorda que os bancos gregos teñen unha importante presenza dos sistemas financeiros de países veciños como Bulgaria, Macedonia, Romanía, Albania e Serbia. En concreto, subliña que en Bulgaria e Macedonia as filiais de National Bank of Greece, Alpha Bank, Piraeus Bank e Eurobank Ergasias posúen ao redor do 22% dos activos bancarios.

"Mantemos conversacións con todos estes países. Estamos a falar con eles sobre os plans de continxencia que temos, sobre as medidas que poden adoptar", afirmou o director do Departamento Europeo do FMI, Jörg Decressin.

No marco destas conversacións, o FMI pediu aos supervisores nacionais que garantan que estas subsidiarias dos bancos gregos teña activos suficientes que poidan trocar por financiamento de urxencia dos seus bancos centrais no caso de que non reciban financiamento da súa matriz e aseguren que os seus fondos de depósitos contan con niveis suficientes.

Comentarios