O FMI revisa á alza as previsións de crecemento para España

Prognostica un impulso do 2,7% este ano e do 2,3% o seguinte, cifras menos optimistas que as do Goberno ► Pide unha "pronta resolución" da incerteza política e descarta unha nova crise global no futuro inmediato

O Fondo Monetario Internacional (FMI) revisou este martes á alza as previsións de crecemento para España, ata un 2,7 % en 2016 e un 2,3 % en 2017, dúas unha décima máis, respectivamente, co que segue á cabeza das grandes economías da zona euro.

No seu informe de cabeceira, Perspectivas Económicas Globais, o FMI prevé que a zona euro creza un 1,7 % tanto este ano como o próximo, unha décima máis en 2016 e sen cambios en 2017 respecto dos seus cálculos de outubro, impulsada polo "fortalecemento do consumo privado".

España mantense á fronte do crecemento na zona euro logo de pechar 2015 cunha expansión do 3,2 %, aínda que verá retardarse o seu ritmo ao 2,7 % este ano e o 2,3 % o próximo, de acordo coas previsións da institución dirixida por Christine Lagarde. Estas cifras son algo menos optimistas que as do goberno español, que prognostica unha alza do 3 % para 2016 e un 2,9 % para 2017.

Tras España sitúase Alemaña, principal economía da zona euro, para a que o FMI aumenta as súas previsións ata o 1,7 % este ano e o próximo, unha e dúas décimas por encima dos cálculos de outubro. Doutra banda, deixa sen cambios as previsións de Italia no 1,3 % en 2016 e 1,2 % en 2017; e reduce lixeiramente as de Francia ao 1,3 % e 1,5 %, respectivamente, dúas décimas e unha décima menos que o apuntado hai catro meses.

SITUACIÓN POLÍTICA. O FMI tamén recomendou buscar unha "pronta resolución" á situación de incerteza política en España para asentar o crecemento económico do país.

Nunha rolda de prensa en Londres, o economista xefe e director do departamento de investigación do FMI, Maurice Obstfeld, encomiou as reformas aplicadas en España pero alertou de que a inestabilidade política "podería afectar" á evolución da economía. "Unha pronta resolución da incerteza política sería positiva para España", afirmou Obstfeld.

Por outra banda, o FMI alertou de varios riscos para a economía global, como unha maior desaceleración en China ou un regreso da aversión ao risco nos mercados, pero sinalou que "non contempla" unha nova crise no futuro inmediato.

Comentarios