O Estado tivo ata marzo un déficit do 1,85% do PIB

O Estado rexistrou ata marzo un déficit de 19.696 millóns de euros en termos de contabilidade nacional, equivalente ao 1,85% do PIB, o que supón un incremento do 73,2% respecto ao rexistrado no mesmo período de 2011.
 
A secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, dixo hoxe en rolda de prensa que ese incremento se explica en boa medida polo adianto de transferencias ás comunidades autónomas e á Seguridade Social, así como polo adianto das devolucións.

Sen ter en conta estas circunstancias e facendo unha comparación en termos homoxéneos, o déficit do Estado foi no primeiro trimestre un 11% inferior ao rexistrado en igual período do ano anterior e equivalería ao 0,83% do PIB, segundo a secretaria de Estado.

Esta é a cifra que dió hoxe o ministro de Facenda, durante a súa quenda de réplica no debate das emendas á totalidade dos orzamentos xerais do Estado. Montoro sinalou que se están cumprindo os obxectivos marcados polo Goberno nos orzamentos, de acordo cos compromisos aquiridos coa UE, a pesar de estar "nun tempo moi difícil".

O déficit acumulado no primeiro trimestre é o resultante duns gastos non financeiros en termos de contabilidade nacional de 43.162 millóns de euros, fronte a uns ingresos non financeiros que ascenderon a 23.466 millóns.
 
Segundo Fernández Currás, estes datos correspóndense co orzado polo Goberno e están na liña de consolidación fiscal comprometida con Bruxelas.
 
En termos de caixa (considerando os ingresos e pagos efectivamente realizados), o Estado tivo un déficit de 12.820 millóns fronte ao saldo negativo de 9.161 millóns de marzo de 2011, o que supón un aumento do 39,9 % que o Ministerio de Facenda subliña que non debe considerarse indicativo da evolución que poden seguir as contas públicas ao longo do exercicio.

Os tres primeiros meses do ano non son significativos, xa que os gastos están condicionados por un aumento de devolucións e polo adianto de transferencias correntes por un importe global de 7.684 millóns ás comunidades autónomas e á Seguridade Social.

Ingresos
A recadación por impostos directos foi de 20.044 millóns, un 3,7% menos que a cifra de 2011, mentres que a correspondente aos impostos indirectos foi de 19.486 millóns, un 7,4% menos.

O IRPF alcanzou uns ingresos de 19.644 millóns, inferiores nun 0,1 % aos do mesmo período de 2011, co que se retarda a caída do recadado co imposto da renda grazas a que as retencións do traballo aumentaron o 6,8% en marzo.
 
O imposto de sociedades tivo un saldo negativo de 313 millóns, debido a que a recadación foi menor ás devolucións.
 
O IVE xerou 14.318 millóns, o 9,1% menos, como consecuencia tamén do maior ritmo de reembolsos.
 
Os impostos especiais recadaron 4.425 millóns, un 2,2% menos, principalmente polo descenso do 5,5% na recadación do imposto sobre hidrocarburos -como consecuencia do menor consumo de carburantes- e pola caída do 5,4% da recadación do imposto sobre o alcol, aínda que a procedente do tabaco aumentou o 1,6%.

Comentarios