O BNG logra 29 millóns máis para Galicia na negociación dos PGE

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, anunciou que a súa formación logrou este mércores que os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) consignen 29 millóns de euros máis de investimentos territorializados para Galicia, así como beneficios fiscais para o sector agrario.

Jorquera chegou a acordos transaccionais co grupo socialista na comisión de orzamentos en relación coas partidas para Galicia. Iso si, os nacionalistas sinalan que ditos acordos non variarán a posición contraria ao proxecto orzamentario, co que están ''en profundo desacordo''. Así, manterán o seu voto contrario no pleno.

Polo que respecta aos investimentos territorializados, o BNG negociou 29 millóns de euros máis en capítulos como o ferroviario e investimentos locais en materias como cultura, vivenda e medio ambiente. No apartado ferroviario os incrementos son os seguintes: catro millóns de euros para o tramo do eixo atlántico Ferrol-A Coruña, dous millóns para o AVE Lugo-Ourense e un millón para o AVE Vigo-fronteira portuguesa. En total, sete millóns.

No medio ambiente, destinarase unha partida dun millón de euros para a rexeneración da ría do Burgo (A Coruña). O resto de investimentos terán destino municipal.

Sector agrario
Respecto dos beneficios fiscais para o sector agrario, Jorquera asegurou que ''conseguimos que para o 2010 se adecúen os módulos no sector gandeiro, especialmente nas explotacións lácteas, ás circunstancias de crise económica derivada dos baixos prezos no sector, sen esquecer outros axustes debidos a situacións climatolóxicas ou perdas de produción que poidan xurdir''.

Ademais, logrouse unha conxelación das cotizacións sociais dos gandeiros, que así non se teñen que enfrontar a subidas para 2010.

Finalmente, tamén se inclúe unha mellora para os militares de complemento, que poderán acceder con máis facilidades á condición de reservistas de especial dispoñibilidade.

Comentarios