O BNG censura a ''contrarreforma laboral'' de Zapatero e chama á folga

"O único recurso que lles queda aos traballadores para pór de manifesto a súa oposición e desacordo ás medidas laborais regresivas do Goberno e de quen os apoia, e esixir un cambio de rumbo". É a definición que da folga xeral convocada para o próximo día 29 de setembro deu este sábado o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, para mostrar o acordo do seu partido con esta medida.

En rolda de prensa posterior á reunión do Consello Nacional, Vázquez censurou o paquete de medidas adoptado polo Executivo español en materia de traballo, e tachouno de "contrarreforma laboral". Segundo o seu criterio, "a solución á crise non pode pasar por restrinxir os dereitos laborais", precisamente o que vai provocar a reforma aprobada esta semana polo PSOE. Por iso, e dirixíndose a quen considera que o paro convocado "non vai servir de nada e que perder horas de traballo non axudará a mellorar as cousas", o portavoz dos nacionalistas galegos fixo un chamamento "a saír da pasividade e a resignación" ante unha reforma que "mingua" os dereitos dos traballadores "no presente, e que condicionará a súa calidade no futuro".

Así, Vázquez censurou a "vía de recortes" pola que, ao seu xuízo, optou o presidente do Goberno central, José Luís Rodríguez Zapatero, entre os que mencionou a redución salarial, a do gasto produtivo e en infraestruturas, o aumento da carga fiscal ás rendas medias e baixas e a conxelación das pensións. Todas estas decisións van encamiñadas a lograr "a satisfacción dos especuladores financeiros", dixo Vázquez, polo que concluíu que "profundan no desequilibrio" da sociedade.

Un freo para ''medidas regresivas''
"Consideramos necesario ir á mobilización social", salientou Vázquez, coa vista posta, segundo incidiu, en frear "todas estas medidas regresivas". E apostilou que "haberá quen diga que non vai servir para nada, que é o peor que se pode facer". Con todo, rexeitando "a pasividade" neste terreo, ironizou con que, durante a celebración do Mundial de fútbol, "non había ningún problema en que os traballadores fosen ver un partido", polo que entende que tampouco pasará nada por que se ausenten dos seus postos o vindeiro día 29.

Guillerme Vázquez tivo tamén palabras para o Partido Popular, a quen acusou de apoiar "o mesmo modelo que Zapatero a pesar do seu discurso cara a fóra". E considerouno así ao non pór os conservadores "ningunha medida alternativa" encima da mesa que "contradiga" as medidas adoptadas polo Goberno español, medidas que, no caso galego e a xuízo do portavoz nacionalista, "son aplicadas con entusiasmo".

Comentarios