O BES apraza a publicación dos seus resultados ao 30 de xullo

O Banco Espírito Santo (BES) comunicou hoxe a súa decisión de aprazar a publicación dos seus resultados do 25 ao 30 de xullo, un anuncio que se produce no medio da crise que atravesa o grupo empresarial do que forma parte. Así o informou a entidade financeira nun conciso comunicado enviado ao regulador bolsista luso.

Analistas portugueses relacionaron este atraso coa necesidade de calcular con exactitude as potenciais perdas do banco cos créditos concedidos a outras empresas do grupo que corren o risco de declararse en insolvencia.

Nunha estimación preliminar, o BES cifrou en 1.180 millóns de euros a súa exposición ao Grupo Espírito Santo, e recordou que conta cun "colchón" de 2.100 millóns de euros grazas ás súas recentes ampliacións de capital.

Hoxe mesmo, a división de investimento do Citibank advertía de que esa exposición podía elevarse ata os 2.100 millóns de euros e alertaba de que a esa cantidade debían sumarse as posibles perdas asociadas á filial do BES en Angola, que poden ir ata os 2.700 millóns de euros.

Medios lusos xa avanzaron, con todo, que o propio xefe de Estado angolano, José Eduardo dos Santos, asinou unha garantía para protexer ao BES desta exposición.

Tamén hoxe, os analistas do Banco Portugués de Investimento (BPI) prognosticaron que o BES presentará unhas perdas de 179 millóns de euros durante os seis primeiros meses do exercicio, "sen incluír" os potenciais prexuízos polos préstamos concedidos a outras compañías do grupo.

O conglomerado empresarial propiedade da familia Espírito Santo -unha das máis influentes do país e con varios multimillonarios entre os seus membros- atravesa por un período turbulento, á espera de coñecer que compañías se declaran en insolvencia.

A preocupación é extensiva a todo Portugal, cuxas principais autoridades admiten que esta crise no emporio familiar terá impacto na economía lusa, que se prevé regrese ao crecemento este ano logo de tres exercicios consecutivos en recesión.

Estas mesmas autoridades, no entanto, garanten que os problemas do grupo non suporán a quebra do BES, á que consideran unha entidade solvente.

Comentarios