O estaleiro vigués Vulcano presenta concurso voluntario de acredores

O estaleiro vigués Factorías Vulcano presentou este martes unha solicitude de declaración de concurso voluntario de acredores ante o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo. Nun comunicado, Vulcano recordou que esta solicitude se produce tras o anuncio realizado pola empresa o pasado 13 de outubro, de acordo co previsto no artigo 5.3 da Lei Concursal.

Tras a presentación da solicitude, o estaleiro expón que durante os case tres meses transcorridos a empresa centrou os seus "esforzos" na negociación dunha proposta anticipada de convenio, así como en asegurar o mantemento da súa actividade, centrada na conclusión do buque sísmico 533.

O estaleiro explica que, aínda que polo momento non foi posible alcanzar acordos respecto dun convenio cos acredores, a empresa xa "ten asegurada" a terminación do buque sísmico 533 grazas ao financiamento de 21 millóns de euros, que foi avalada pola Xunta. "O compromiso da dirección e de todos os traballadores de Factorías Vulcano co futuro do estaleiro quedou demostrado cos recentes acordos laborais alcanzados, e por iso temos plena confianza na nosa capacidade para superar con éxito o concurso", indica Vulcano no comunicado.

A maior partida da débeda é, segundo Vulcano, "consecuencia directa" das cancelacións dos buques sísmicos 532 e 533, provocadas polos atrasos na súa construción en Factorías Juliana (Xixón) e a entrada en liquidación desa sociedade. Concretamente, 59,3 millóns de euros corresponden a débeda coas propia Factorías Juliana e 18,1 millóns de euros con PGS, a compañía armadora que cancelou os buques.

Ademais, Vulcano puntualiza que mantén unha débeda de 7,4 millóns de euros coa industria auxiliar galega, que afecta "a un bo número de empresas subministradoras de bens e servizos". Esta é unha das prioridades do estaleiro, que considera necesario "minimizar" os efectos que a situación concursal causa sobre as auxiliares, "aínda que de momento só podemos compensalos con traballo e cobro asegurado para a construción do buque sísmico 533", puntualiza o estaleiro.

De forma paralela á presentación do concurso voluntario de acredores, Vulcano avanzou que está a elaborar un plan de viabilidade co que se trata de sentar as bases sobre as que asegurará o seu futuro. Este plan fundaméntase, entre outros aspectos, na futura contratación de dous novos buques sísmicos, polos que o armador noruegués GC Rieber Shipping xa manifestou o seu interese.

Comentarios