martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Dous feridos na concentración para impedir un desaloxo en Elviña

Dúas persoas resultaron hoxe feridas na cabeza durante o forcexeo entre a policía e os concentrados que intentaban impedir o desaloxo dunha vivenda no barrio coruñés de Elviña, onde está proxectado o Parque Ofimático da cidade. Os feridos foron atendidos por Urxencias Sanitarias nas inmediacións da zona, onde un centenar de persoas se concentraron para protestar por esta medida, entre elas os edís na Coruña Xosé Manuel Carril e César Santiso.

Varias persoas subíronse ao tellado da vivenda que empezou a ser demolida e tres delas encadeáronse á cuberta, o bombeiro Roberto Rivas, que se negou a desafiuzar a unha anciá da Coruña, o sindicalista da CIG Adolfo Naya e unha activista de Stop Desafiuzamentos.

Na parte superior da vivenda permanecen tres persoas, o seu propietario Álvaro Corral, o seu fillo e o avogado da anciá desafiuzada, Antonio Vázquez. Case unha vintena de furgóns de antidisturbios e unha trintena de axentes da Policía Nacional e Local da Coruña vixiaron desde primeira hora de hoxe a contorna desta vivenda, en cuxo interior había unha vintena de persoas para impedir o desaloxo. Varias delas foron trasladadas a un furgón da Policía Nacional por negarse a abandonar a casa.

O desaloxo foi completado ás 13.20 horas, máis de catro horas despois do previsto, unha vez que catro axentes da Policía local accederon á parte superior da casa nun guindastre. Sobre as 12.30 horas, dous policías entraron á vivenda por unha fiestra e falaron con Roberto Rivas. As persoas abandonaron finalmente o interior da vivenda ovacionados polo centenar de persoas concentradas desde primeira hora.

Os bombeiros néganse a participar

Os bombeiros da Coruña negáronse a desaloxar a vivenda. Esta negativa dos bombeiros, que non acudiron á zona, provocou que axentes da Policía local accederan con cordas para intentar subir e desaloxar ás persoas que permanecían na parte superior da vivenda.

Dous feridos na concentración para impedir un desaloxo en Elviña
comentarios